Whatsapp Business: novas formas de marketing para o meu negocio

Whatsapp é una ferramenta de comunicación cada vez máis potente e empregada no noso territorio. Neste artigo trataremos de analizar as vantaxes do seu uso nos negocios, e en concreto, o deseño da ferramenta Whatsapp Business, preparada e enfocada a pequenos negocios, autónomos, ou incluso grandes empresa.

Tamén é común que os propios clientes soliciten atención a través deste servizo, polo que introducilo no noso negocio é cada vez máis necesario.

 

Que vantaxes ten Whatsapp Business para o meu negocio?

Atoparemos múltiples razóns polas que os negocios actuais deben estar presentes nesta formidable rede e ferramenta de comunicación.

Principalmente, podemos destacar, que a día de hoxe Whatsapp é a segunda maior rede social do planeta, con máis de 2.000 millóns de usuarios. Tan so é superada por Facebook en número de contas, e aínda tendo máis número de usuarios segundo o estudo anual de redes sociais do 2020, Whatsapp ocupa unha porcentaxe moito máis alta cando nos referimos ó tempo que empregamos ás redes sociais.

Como exemplo, podemos analizar o noso caso persoal: cantas veces empregas Whatsapp ó día? canto tempo tardas en dar resposta a unha mensaxe de túa nai, amigo ou filla? Facendo esta sinxela análise, dámonos conta do nivel de intensidade co que empregamos a aplicación, e tamén fainos ver o potencial á hora de empregala no noso negocio para atender ós nosos clientes, e por suposto, para cubrir o obxectivo principal da nosa empresa: vender os nosos produtos ou servizos.

Outras das vantaxes é ser unha ferramenta gratuíta, de alto impacto, e moi polivalente: podemos enviar vídeos, textos, imaxes, notas de voz, links e arquivos, comunicación variadas que o usuario agradecerá para coñecer calquera detalle.

 

Whatsapp Messenger e Whatsapp Business: Diferencias

Claramente, non é o mesmo, e temos unha serie de diferencias a destacar, segundo os usos que lles queiramos dar:

Whatsapp Messenger: é a ferramenta empregada para uso persoal, na que se mesturaríamos conversas con contactos persoais e laborais, e non daríamos unha imaxe profesional no uso empresarial.

Whatsapp Business polo contrario, emprégase para diferenciar as conversas profesionais, cun perfil verificado con información da empresa (horario da empresa, por exemplo), e con funcionalidades extra que permiten traballar dunha forma masiva e organizada.

 

Whatsapp Business: Funcionalidades

Traballando de forma intelixente as bases de datos dos cliente e aplicando diferentes estratexias de Whatsapp Marketing, as funcionalidades que proporciona a aplicación permitirán dar un servizo máis personalizado e automatizado, realizar difusión e segmentar os clientes segundo as súas necesidades:

  • Mensaxe de benvida: poderemos configurar unha mensaxe que recibirán os cliente automaticamente ó inicio do contacto, mellorando así a imaxe de xestión do negocio, e a experiencia do usuario. É moi útil para aquelas empresas que non poden atender de forma inmediata ós usuarios.
  • Mensaxe de ausencia: podemos automatizar unha mensaxe fora do noso horario de atención ó público, ou en períodos de vacacións, de forma que podamos desconectar dixitalmente pero informemos ó usuario da recepción da mensaxe e do próximo contacto por parte da nosa empresa, e incluso suxerir que visiten a nosa web ou un produto concreto.
  • Respostas rápidas: Cando é habitual ter similares consultas, pode ser práctico ter preparadas respostas tipo, que poderemos ter configuradas na aplicación, e empregalas no chat de forma semi-automática.
  • Etiquetas: outra das vantaxes, e ademais moi recomendable, é poder empregar etiquetas e segmentar ós clientes, de forma que cando lles deamos resposta ou queiramos lanzar unha campaña, os teñamos diferenciados segundo o tipo de servizo ou produto que lles interesa.
  • Catálogo de produtos e servizos: se aínda non encontrabas utilidades, podemos engadir como guinda a posibilidade de crear na propia aplicación unha tenda virtual, coa que podemos pechar o círculo da venda.

 

Whatsapp Business: Como crear a miña conta empresarial

Para crear unha conta de Whatsapp Business debemos descargar a aplicación no noso dispositivo, e seguir un sinxelos pasos.

So precisaremos o número de teléfono do noso negocio. Non ten que ser un móbil, pode ser o teléfono fixo da nosa empresa, e é mais que recomendable nos casos nos que é o teléfono habitual de contacto do cliente, xa que así os usuarios o identificarán con facilidade.

Unha vez introducido o número, deberemos seguir un pasos de verificación, e xa teremos dispoñible a aplicación para o seu uso.

Queres saber como implantar o whatsapp business ó teu negocio? Se tes dúbidas, e precisas axuda, podes solicitar asesoramento, sen custe, a través do formulario do Igape Responde.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Categorías: Artigos.