Acordo entre autónomos e Goberno para prorrogar o cesamento de actividade e cubrir aos que o precisen

Este 31 de maio vence o prazo para a renovación das axudas aos autónomos, o que xerou tensión entre o Goberno e os representantes dos traballadores nos últimos días.

En primeiro lugar, as propostas do Goberno pretendían endurecer algunhas das condicións necesarias para optar a estes subsidios creados a raíz da pandemia. As diferenzas máis grandes son aquelas que afectan aos autónomos que viron limitada a súa actividade e compatibilizan o seu traballo coa axuda.

Segundo o novo plan do departamento que encabeza José Luis Escrivá, para acceder aos fondos públicos deberán demostrar unhas perdas do 75% dos seus rendementos durante o segundo e terceiro trimestre de 2021 con respecto aos obtidos no segundo semestre de 2019. Ademais, o demandante non podería esgotar os períodos xerados, é dicir, deixaría de recibir a prestación unha vez que concluíse o período correspondente ás cotizacións realizadas.

As outras dúas tipoloxías de axudas non se verían afectadas, polo que aqueles  autoempregados que teñan suspendida a súa actividade como consecuencia dunha resolución seguirán cobrando o 50% da base mínima de cotización (uns 472.2 euros), e os autónomos de tempada manterán a súa prestación do 70%. Con todo, a Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) asegura que con esta formulación, quedarían fóra das axudas o 90% dos máis de 450.000 autónomos que as reciben agora: “Estes traballadores por conta propia esgotaron xa o período contributivo que viñan gozando, pero non pola súa culpa, senón polas restricións e limitacións que se decretaron”, asegurou tras o último encontro Lorenzo Amor, presidente de ATA.

Finalmente, este 26 de maio, tan só a 4 días do cesamento das axudas, e tras varias propostas que supoñían a exclusión do 90% dos beneficiarios das mesmas, as organizacións de autónomos gañáronlle o pulso ao Goberno. A Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) anunciou nas súas RRSS que, tras tres propostas por parte do Goberno rexeitadas, por fin conseguiron un acordo que non prexudique aos autónomos que reciben esta axuda e que o compatibilizan coa súa actividade, o que era o principal problema polo que non chegaban ao acordo. Por tanto, as prestacións por cesamento de actividade dos autónomos estenderanse ata o 30 de setembro, de igual modo que se fixo cos ERTEs.

A expensas da aprobación do texto no Consello de Ministros este mesmo xoves 27 de maio, haberá tanto unha modalidade por peche decretado como ata o de agora, como unha nova modalidade para autónomos con baixos ingresos e outra nova prestación que serviría para acoller a todos aqueles autónomos que aínda estando afectados por grandes caídas da súa actividade, non poidan acollerse á coñecida  POECATA1* por falta de período contributivo.

Así mesmo, e de novo á espera de que se compartan os detalles tras a reunión do Consello, a nova modalidade de axuda para autónomos con baixos ingresos sábese que será unha prestación extraordinaria e que a ATA solicitou elevar o umbral que, na anterior proposta do Goberno, era de 4.275 euros no segundo e terceiro trimestre de 2021.

Ademais, tal e como se fixo o verán pasado, é moi probable que se inclúan exoneracións decrecentes mes a mes nas cotas daqueles autónomos que cumprindo certos requisitos (aínda sen determinar) non poidan acceder ás demais modalidades de prestación por cesamento de actividade.

O presidente de ATA  publicou nun tweet como quedarían as prestacións tras o novo acordo a partir de xuño ata setembro.

 

  1. POECATA*: Autónomos que viñesen percibindo ata o 30 de xuño a prestación extraordinaria por cesamento de actividade prevista no artigo 17, Real Decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, poderán solicitar tamén a prestación por cesamento de actividade prevista no artigo 327 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro (mínimo un período cotizado de doce meses continuados e inmediatamente anteriores á situación legal de cesamento de actividade).

Requírese acreditar unha redución na facturación durante o terceiro trimestre do ano 2020 de polo menos o 75 por cento en relación co mesmo período do ano 2019 e non obter durante o terceiro trimestre de 2020 uns rendementos netos superiores a 5.818,75 euros.

Categorías: Artigos.