Salario Mínimo Interprofesional: En que me afecta a subida?

1.080 euros. Ese é o novo Salario Mínimo Interprofesional (SMI) en España aprobado o pasado 14 de febreiro en Consello de Ministros. Na práctica, a subida -nos últimos cinco anos o SMI incrementouse un 47%- implica unha serie de cambios para empresas e traballadores. Isto é o que debes saber.

 

Canto se incrementa? O Salario Mínimo sobe un 8%: pasará dos 1.000 euros ao mes, distribuídos en 14 pagas ao ano, a 1.080 euros ao mes. Son 15.120 euros brutos anuais. Nos últimos cinco anos, o SMI pasou de 735 a 1.080 euros.

Como se aplica? Debe aplicarse con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2023, é dicir, a nómina do mes correspondente a súa entrada en vigor ten que incluír o incremento salarial desde xaneiro, polo que na nómina de febreiro, quen cobre o soldo mínimo en 14 pagas percibirá uns 80 euros máis.

Que cambios implica para as empresas? O SMI afecta a todos os que teñen un contrato de xornada completa e as empresas están obrigadas a incrementar os salarios de quen cobra menos que o importe marcado no novo SMI.

Por outra banda, se unha persoa fai unha xornada laboral inferior á completa, aplicarase de maneira proporcional ao salario que percibe.

 

Pódese cobrar menos que o SMI? Non. A contía establecida para un emprego de 40 horas á semana non pode ser rebaixada por convenio nin tampouco por un acordo entre traballador e empresa.

A quen beneficia máis? A aquelas persoas que cobren menos de 1.080 euros, é dicir, a contía do novo SMI. Os máis beneficiados serán aquelas persoas traballadoras que pertencen aos sectores que teñen os soldos máis baixos (agricultura e fogar, entre outros).

Como afecta a subida nas prestacións e subsidios da Seguridade Social? O SMI sirve como índice de referencia para calcular se unha persoa pode percibir un subsidio ou pensió. Tamén se utiliza para determinar a contía máxima da prestación por desemprego cando se teñen fillos a cargo.

Tributa en IRPF? Non. A subida do SMI supón unha retribución de 15.120 euros ao ano, cifra moi por baixo dos 22.000 euros por exercicio que hai que percibir, dun solo pagador, para facer a declaración da renda.

Se tes algunha dúbida máis ao respecto, podes consultarnos a través do formulario do Igape Responde. 

Categorías: Artigos.