Que alternativas teño para financiar o meu emprendemento?

Unha das principais dificultades á hora de realizar un emprendemento ou un novo investimento na nosa empresa adoita ser o financiamento, é dicir, a obtención dos recursos necesarios para acometer o noso proxecto.

Ademais existe outra dificultade engadida: saber cuantificar cales son as nosas verdadeiras necesidades de financiamento e saber valoralas de maneira real.

Cómpre responder á pregunta: canto diñeiro necesito?

Para determinar as necesidades de investimento é necesario analizar as necesidades de activos, correntes e non correntes, así como coñecer o aspecto financeiro do meu futuro proxecto ou da miña empresa. Isto é: tendencias en volume de vendas, marxe bruta, gastos fixos, existencias, prazos de cobranza e pago, previsións de fluxos de tesourería, etc…

Previsto todo isto, a segunda parte será analizar cales son as fontes de financiamento ás que podo acudir e, coñecidas estas, como facer a elección entre as alternativas de financiamento.

Entre as alternativas ás que podemos acudir, podemos distinguir as seguintes:

  • Financiamento interno: xerado pola propia empresa.
  • Financiacimento externo: obtense a partir de desembolsos de terceiras persoas que son ou actúan como propietarios da empresa, polo menos durante un período determinado de tempo. Dentro deste financiamento externo, á súa vez podemos distinguir entre:
  • Fontes de financiamento propias: son fondos propiedade da empresa e non esixibles por terceiras persoas. Son sempre a longo prazo ou non correntes.
  • Fontes de financiamento alleas: proceden de contribución de terceiros distintos dos propietarios, e por tanto hai que devolvelas pois son recursos esixibles. En función da súa permanencia, distinguimos:
  • Financiamento non corrente ou esixible a longo prazo: para devolver a máis dun ano.
  • Financiamento corrente ou esixible a curto prazo: para devolver a máis dun ano.

 

Financiamento externo

Centrarémonos no financiamento externo, posto que a idea principal é o financiamento dun novo emprendemento (de este xeito, neste artigo non faremos referencia a financiación interna).

A primeira fonte, por tanto, será o capital inicial ou o capital social. Este estará formado polas achegas, dinerarias ou non, realizadas polos socios propietarios na fundación da empresa, así como en futuras ampliacións, documentándose en accións ou participacións, segundo o tipo de sociedade de capital.

Tamén podemos acudir a financiamento a través do capital risco. As sociedades de capital risco (ou SCR) son sociedades que invisten, principalmente os seus propios recursos, no financiamento temporal de pequenas e medianas empresas con expectativas de crecemento. Pero, que implica a participación dunha SCR no capital dunha empresa? Principalmente implica que:

A Sociedade de Capital Risco vaise converter nun socio do negocio, aínda que cunha permanencia limitada no mesmo. En consecuencia, a SCR participará de forma activa na toma de decisións estratéxicas, aínda que posiblemente non interveña na xestión operativa da empresa nin no seu control efectivo, se non é estritamente necesario. Unha vez finalizado o prazo de participación pactado, venderá as súas participacións a cambio da obtención dunha plusvalía como retribución ao risco asumido.

 

Outra fonte de financiamento externo atopámola nos Business Angels. Estes son particulares que achegan directamente recursos propios a empresas novas e en crecemento. Diferéncianse das Sociedades de Capital Risco en que non están reguladas e, ademais de participar no capital social da empresa, achegan valor asesorando e facilitando contactos ás empresas nas que participan.

Examinemos agora as fontes de financiamento alleo. Estas proceden de contribución de terceiros distintos dos propietarios, e por tanto hai que devolvelas pois son recursos esixibles. Distinguiremos segundo o seu prazo de permanencia en; financiamento a curto prazo (a devolver a menos dun ano) e financiamento a longo prazo ou cuxa devolución se alonga a máis dun ano.

Dentro do financiamento a longo prazo, é interesante examinar a figura do préstamo participativo. É esta unha figura que se caracteriza pola participación da entidade prestamista nos beneficios da empresa financiada, ademais da cobranza, por regra xeral, dun interese fixo, sendo unha fórmula de financiamento intermedio entre o capital social e o préstamo a longo prazo.

Para financiar activos na nosa nova empresa, non podemos esquecer tampouco o renting. Nesta modalidade contractual, a empresa de renting obrígase a poñer ao dispor do cliente un activo en réxime de arrendamento e por un prazo de tempo determinado. Pola súa banda, o cliente obrígase ao pago dunha renda periódica que inclúe o uso do ben, así como os gastos de mantemento e seguro.

Para financiamentos a curto prazo temos outro tipo de contratos bancarios que nos poden axudar para liquidar problemas puntuais de tesourería. É o caso da póliza de crédito; do desconto comercial, do factoring e do confirming.

Tamén, non podemos esquecer que, como garantía dos contratos de crédito, adóitanse establecer obrigacións (garantías) de natureza real ou persoal. A garantía persoal máis usual é o aval ou fianza, en virtude da cal unha persoa obrígase a pagar por outra para o caso de non facelo esta. No caso de que nos esixan aval para garantir o noso endebedamento, podemos acudir ás Sociedades de Garantía Recíproca (SGR). Estas son entidades financeiras cuxo obxecto principal consiste en facilitar o acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas e mellorar, en termos xerais, as súas condicións de financiamento, a través da prestación de avais ante bancos, caixas de aforro e cooperativas de crédito, Administracións Públicas, clientes ou provedores.

Por último, é importante á hora de planificar o financiamento do emprendemento, que non contemos entre estas alternativas ás axudas e subvencións, pois non só é incerta a súa concesión, senón que tamén é incerto o tempo en que se producirá o cobro da mesma.

Se tes algunha dúbida, podes solicitar o asesoramento gratuíto do Igape Responde. 

Categorías: Artigos.