Que pasarela de pago debo integrar na miña páxina web?

O comercio electrónico estase convertendo nunha alternativa para a compra de produtos e servizos para millóns de persoas, superando en España os 12.800 millóns de euros no terceiro trimestre de 2020, o que supuxo un 2,5% máis que o ano anterior. Se ben, tamén é certo que a situación actual tivo moito que ver na súa evolución, impactando positivamente nalgúns (alimentación, compra de electrodomésticos…) e negativamente noutros (turismo, venta de tíckets…).

Nun exemplo calquera destas compras en liña, unha persoa fai clic nun anuncio que lle chamou a súa atención: Unha oferta para facer unha viaxe ou unha peza de roupa que lle gustou. Todo transcorre con normalidade ata que se decata de que ten que encher varios campos coa súa información bancaria, sen ningún tipo de seguridade nin encriptación.

Xamais realizaría vostede unha compra así, verdade? Agora, pense na súa tenda en liña. Conta cunha ferramenta axeitada?, os seus clientes atópanse nunha situación parecida á anterior? Pois entón necesita unha pasarela de pago.

A pasarela de pago é a que desempeña a función de procesar e autorizar o pago ou as transaccións entre os clientes e a empresa. Cando un cliente desexa pagar un produto, unha vez seleccionada a forma de pago e introducidos os seus datos, o proceso de pago sería o seguinte:

  • O navegador do cliente cifra a información necesaria e faina chegar á plataforma de pago, que se ocupará de cobrarlle ao cliente e enviarlle os cartos ao vendedor, tras restarlle a comisión pertinente.
  • A pasarela de pago asegura a confidencialidade e a protección de datos en todo momento.
  • Tamén implanta os mecanismos necesarios para evitar a fraude.

E cando nos decidamos por integrar unha pasarela de pago na nosa web podemos optar por:

  1. TPV VIRTUAL
  • Necesita a autorización dunha entidade bancaria.
  • Opción moi familiar para moitos clientes e confiable por estar respaldada pola entidade.
  • Algo máis laboriosa de integrar na web.
  1. PROVEDORES DE SOLUCIÓNS DE PAGO (PSP: Payment Solution Provider): Addon, Adyen, Briantree, Stripe, MyChoice2Pay, Paycomet, PayPal, Amazon Pay, Google Pay, Divvy
  • Integración sinxela.
  • Permiten centralizar varios método de pago e crear informes.

En relación aos custos destas diferentes alternativas poderíamos destacar os seguintes datos:

  1. TPV VIRTUAL
  • Posible custo de apertura do servicio: ata 100€.
  • Cota mensual, en moitos casos dependente do volume de pagos: entre 10€ – 25€.
  • Comisión por transacción, que pode variar segundo o tipo de tarxeta e a divisa empregada: 0,5% – 1% en zona EURO e ata do 3% fóra zona EURO
  1. PROVEDORES DE SOLUCIÓNS DE PAGO (PSP: Payment Solution Provider)
  • Sen cotas de alta ou mensualidades.
  • Pago mínimo ata un certo volume de transaccións: entre 19€ – 25€
  • Comisións similares con independencia da divisa empregada.
  • Pagos por transacción:
  • Porcentaxe: 0,50% + 0,09€ e de ata o 1%.
  • Coste fixo: 0,1€ + IVA + tarifa método pago.

Na parte técnica, se se desexa integrar un sistema de pago nunha web existen tres enfoques principais de cara a realizalo:

    1. Redirección a un sitio externo: o pago completase fóra da web do vendedor
  • Moi sinxelo de implementar, normalmente un botón/enlace ao sistema de pago.
  • Moi habitual nos TPVs virtuais.
  • Widget de PayPal ou Amazon.
  • Experiencia menos personalizada.
  • Non require tantos coñecementos técnicos e o proceso é bastante directo.
    1. Integración na propia web
  • Necesario o uso da API do sistema de pago.
  • Non se sae nunca da web.
  • Experiencia personalizada.
  • Require máis coñecementos e tempo para integralo.
    1. Embebido na web: mestura dos dous anteriores. O pago segue a facerse nun sistema externo, pero nun marco dentro da nosa web.

Aínda que non se dispoña dunha web ou tenda en liña onde integrar o sistema de pago, existen alternativas para a creación de sistemas de cobro:

  • Pago por link: creas un link de pago desde o ordenador ou móbil que logo se pode enviar por e-mail, sms, redes sociais, etc.
  • Código QR: equivalente ao anterior, pero cun código QR. Podería usarse nun cartel publicitario, material impreso, etc.

Por último comentar que, existen diversos plugins para conectar as plataformas de pago mencionadas coas plataformas de eCommerce máis populares, entre os que se atopan: Prestashop, Magento, woocommerce, whmcs, virtueMart, opencart

Categorías: Artigos.