O programa Igape Responde, como pode axudar ao meu negocio?

Tócanos vivir unha época de cambios, ateigada de retos. A nivel social o aumento da desigualdade, o avellentamento da poboación, os movementos migratorios… A nivel medioambiental o cambio climático constitúe un enorme desafío. E como non, a nivel empresarial enfrontándonos a un novo escenario onde agroman ou se readaptan a diario novas necesidades.

Deste xeito, o Programa IGAPE Responde formulouse como unha ferramenta de resposta inmediata da Xunta de Galicia para apoiar, asesorar, acompañar e formar a PEMES e persoas autónomas na contorna actual.

Xunto co asesoramento do equipo técnico do Igape e os expertos dispoñibles, o Programa facilitará ás empresas e persoas autónomas, de maneira periódica, boletíns e vídeos informativos, webinars e información coas respostas ás preguntas e dúbidas máis comúns formuladas por PEMES e persoas autónomas.

Este programa ofrece unha liña gratuíta de asesoramento en rede para PEMES e persoas autónomas de Galicia, pero fundamentalmente a aqueles colectivos empresariais máis vulnerables ante a situación xerada pola covid-19. O programa permitiralles realizar consultas sobre aspectos vencellados directamente ao seu negocio nos ámbitos de persoas, financeiro, negocio ou operacións, tendo a posibilidade ademais de acceder a 14 tipos de medidas que se implantarán de forma áxil.

Unha rede de máis de 60 expertos prestan estes servizos de forma gratuíta a través de distintas liñas de comunicación: a páxina web https://responde.igape.es, o teléfono 900 81 51 51, o e-mail igaperesponde@igape.es ou as redes sociais do programa.

Este servizo de asesoramento e acompañamento prestarase en varios niveis:

  • Un primeiro nivel de asesoramento e apoio a PEMES e persoas autónomas que será realizado por técnicas e técnicos do Igape. Neste nivel a técnica ou técnico tratará de dar resposta á solicitude ou necesidade formulada pola PEME ou persoa autónoma e, se o consideran oportuno, poden derivar estas consultas a un segundo nivel de atención.
  • Un segundo nivel de asesoramento e apoio será realizado por máis de 60 expertos/ as dos diversos ámbitos contemplados no programa. Neste nivel este persoal experto tratará de dar resposta ás consultas derivadas polo persoal técnico do IGAPE e aquelas que expoñan as PEMES e persoas autónomas directamente a través da web do Programa IGAPE Responde e as súas redes sociais. Este asesoramento pode alcanzar ata as tres horas de duración.
  • Un terceiro nivel de asesoramento será aquel no que algún experto ou experta considere que se pode implantar unha medida (da listaxe dispoñible) para apoiar a unha PEME ou persoa autónoma na súa adaptación a este novo contexto. Neste caso o asesoramento será de ata 25 horas, dividido en dúas fases. Na primeira fase un consultor ou consultora especializado/a asesora ao usuario ou usuaria durante dúas semanas, dúas horas ao día. Na segunda fase, o consultor ou consultora especializado/a realiza un seguimento e apoio durante catro semanas máis, dúas horas á semana.

Deste xeito, pemes e persoas autónomas poderán solicitar e recibir, por exemplo, asesoramento sobre a implantación do teletraballo, a prestación de servizos on-line ou a promoción on-line, a reorientación do negocio cara a novas oportunidades, a adaptación da oferta comercial ás novas necesidades, a retención de equipos e motivación, o fortalecemento de competencias para o novo modelo organizativo, a replanificación de débedas ou a busca de financiamento, entre outros.

Finalmente, este programa inclúe así mesmo outra liña de apoio a través do Re-acciona, desenvolvido conxuntamente polo Igape, AMTEGA e GAIN e deseñado para responder tamén á nova situación a través da prestación de servizos de mellora da competitividade empresarial nos ámbitos do desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.

Animamos a todas aquelas pemes e persoas autónomas que aproveiten todos estes servizos que o Igape e a Xunta de Galicia poñen á súa disposición para axudalos a manter a súa actividade e mellorar a súa competitividade.

Categorías: Artigos.