A Consellería de Economía, Industria e Innovación, vén de activar unha nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada para crear espazos de colaboración entre as empresas na preparación de proxectos máis avanzados.
Estes obradoiros configúranse como espazos multidisciplinares. Cun orzamento de 650.000 euros, poden ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.
O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.
Os apoios concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 75.000 euros.
De cara a facilitar a planificación e preparación dos proxectos por parte dos organismos intermedios, o prazo de presentación de solicitudes abre 2 de xaneiro e será dun mes, ata o 2 de febreiro.
Esta é a sétima convocatoria dun programa que promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización, cun importe total de axuda de máis de 2 millóns de euros. Ademais, asistiron 1.250 persoas.