Negocios na era covid: novas, e non tan novas, ideas en auxe

Aínda que nesta nova normalidade, son moitos os empresarios que están na procura da mellora no seu modelo de negocio, no marketing e na súa visibilidade para potenciar a vendas a través de novas canles, é certo que tamén atopamos negocios que, na procura do seu oco, reinventaron os seus produtos e servizos.

A adaptación dos negocios, e das propias persoas para continuar coas actividades diarias, empurrou novas situacións e necesidades pero, cales son os negocios e produtos en auxe nesta era covid?

 

Hixiene e aforo: os piares da normativa covid

Unha das preocupacións de tódolos negocios actuais é o control do aforo. Aínda que sempre foi un requisito asociado á licencia de moitas empresas, hoxe en día é vital intensificar o control da entrada e saída do persoal e clientes. Derivado deste control, non é singular atoparnos con colas interminables ou sen mesa no noso restaurante favorito. Enfocada ó sector hostaleiro, nace Findyt, co fin de promocionar os negocios, e garantir os usuarios a unha mesa libre, con notificacións en tempo real do aforo e da dispoñibilidade.

Baseado non só no sector da restauración, senón tamén nos coworkings e ximnasios ou polideportivos, nace iFlares, centrada en cubrir outra das normativas básicas na era covid: os controis da hixiene e desinfección. Coa súa aplicación, permite aos usuarios ver as labores de hixiene levadas a cabo nos negocio, aumentando a súa sensación de seguridade, así como lles permite reportar erros ou fallos detectados por eles mesmos nos establecementos para axilizar a súa solución.

Nesta liña non son poucas as empresas de limpeza que tamén están a especializarse na desinfección específica da covid para garantir a seguridade dos centros de traballo limpando superficies e os dispositivos tecnolóxicos de uso frecuente.

 

Viaxes. As eternas desexadas, pero con seguridade!

Unha das preguntas máis repetida nestes meses de pandemia é cando poderemos viaxar? cales serán as nosas primeiras vacacións post-covid? Aínda que son dúbidas das que queda moito por esclarecer, xa comeza a verse un pouco máis cerca a posibilidade de viaxar. Por iso, os aeroportos, estacións de tren e portos xa están en proceso de implantación de protocolos de seguridade que limiten a propagación do virus a través das chamadas viaxes hixienizadas, como por exemplo nas navieiras, que comezan a ofertar viaxes con controis na entrada e saída do barco, e limitando ou controlando os desprazamentos dos viaxeiros polos países que visitan co fin de garantir a saúde de tódolos usuarios.

As compañías aéreas xa están adaptando os seus avións para novas necesidades, facendo as rutas máis seguras. A aposta da compañía Air Canada, é remodelar os seus avións con capacidade para menos pasaxeiros pero de maior poder adquisitivo ou corporacións, ofertando voos 100% premium con distancia social. Tamén atopamos ideas como PureSkies que a través de tecnoloxía de luz UVC elimina bacterias e virus, e aposta polo espazo persoal do viaxeiro garantindo a seguridade do habitáculo.

En calquera caso, a reinvención do sector turísticos fai xurdir casos de éxito como o proxecto Monumentia baseado nas visitas virtuais guiadas a monumentos, para continuar gozando da provincia de Málaga a través da virtualización realizada con gravacións de vídeo e fotografía, similar ó funcionamento de Civitatis, ou a versión en directo a través de videoconferencia de QualityTours Mariola.

 

Servizos, pero a domicilio!

Comida, compras nos supermercados, ou pedidos en liña varios, pero tamén os centros de beleza se lanzan ós servizos a domicilio. Os profesionais detectan que aínda sendo un sector demandado, moita clientela non volve a ser tan asidua no seu negocio polo medo ó contaxio ou ao ter menos vida social. Como alternativa nacen StylePrivé, Peluqueroo ou Yatepeino, que realizan os mesmos servizos no domicilio dos usuarios.

Tamén xurdiron, e non paran de aumentar, moitos negocios especializados na atención a domicilio de persoas maiores, como Cuideo, centrados na poboación máis afectada pola pandemia, mellorando a súa calidade de vida e coidando a saúde física e mental.

Estas son algúns dos modelos de negocio que son tendencia na actualidade, pero se tes dúbidas, e precisas axuda concreta sobre como redefinir o teu negocio, podes solicitar asesoramento, sen custe, a través do formulario do Igape Responde.

Categorías: Artigos.