Deixar de empezar na miña empresa e… empezar e terminar

Os mecanismos de participación do persoal na empresa son criticamente importantes, desperdiciar as ideas que ten o grupo sobre como mellorar os procesos, como facelos con máis calidade, sinxelos, seguros e áxiles é sen dúbida unha das peores ideas que podes ter á hora de xestionar o teu equipo.

Desperdiciar as ideas do equipo non consiste simplemente en non ter un mecanismo de recollida de propostas de mellora do proceso da xente, de recollida de problemas, de novas perspectivas por parte daqueles que pasan 8 horas o día realizado o proceso. Podes ter un mecanismo moi eficiente de recollida de propostas e se non eres capaz de amosar que están sendo atendidas, aínda será peor ter un mecanismo de recollida de propostas que non ter nada en absoluto.

“ Se te convirtes nunha empresa que non ten un mecanismo eficiente para escoitar e atender as ideas de mellora de procesos que xorden da xente que pasa 8 horas ó día a pé de proceso, moi pronto estarás rodeado de xente que non ten nada que dicir”.

O maior dos problemas cando se acomete un proxecto de impulso da participación é non dispor dun estándar claro e sostible de atención as propostas que chegarán da xente, non vas ter unha segunda oportunidade de crear este mecanismo, se o fas e non tes todo preparado para amosar que escoitas e implantas ideas recibidas, podes intentalo mil veces mais ninguén vai crer que vas escoitar e ter en conta as ideas do grupo. O segundo maior problema é intentar acometer demasiados miniproxectos de mellora á vez: empezas todos e non rematas ningún polo que o sistema o único que fará é dar máis traballo pero sen ningún efecto sobre o proceso.

Por todo isto, un dos mecanismos de participación máis populares son os PANEIS DE PARTICIPACIÓN, por moitos motivos:

1.- Son visuais, todo o mundo anota as súas propostas e pode saber o estado da proposta en todo momento.

2.- Limitan o número de propostas que se poden executar en paralelo. A finalidade disto é garantir que non se acometan máis das que se podan levar a cabo simultaneamente.

 3.- Garanten a implantación e seguimento das ideas propostas e seguen o seu impacto.

4.- Xeran no equipo confianza na empresa e ánimo por participar: as súas ideas son atendidas e móstranse todas as ideas feitas aportadas polo persoal.

Se necesitas asesoramento, sen custe, para o teu negocio neste aspecto, só tes que solicitalo a través do formulario do Igape Responde.

 

Categorías: Artigos.