‘Impacto autónomo’, nova liña de axudas de 1.200 euros, de media

Novo apoio ás persoas autónomas de Galicia. A partir do ano que vén vanse habilitar axudas directas de 1.200 euros anuais, de media, uns cartos que servirán para paliar as cargas que a actual coxuntura económica está provocando aos pequenos negocios.

Estas axudas vanse canalizar a través do programa Impacto Autónomo do Goberno galego, ao que se vai destinar un orzamento de 30 millóns de euros. A idea é establecer un “escudo protector” para máis de 25.000 profesionais autónomos.

Estas axudas servirán para facer fronte aos incrementos das facturas. Deste xeito, tratarase de apoiar a este colectivo profesional e minimizar as repercusións e o incremento de gastos que soportan os pequenos negocios con motivo da inflación en alza, a suba de prezos das materias primas ou os custos enerxéticos. Permanece atent@ á nosa web e axiña daremos a coñecer máis detalles destas axudas que se están perfilando.

Precisamente coa vontade de apoiar ao tecido empresarial e ás persoas autónomas e emprendedoras, está dispoñible o asesoramento gratuíto do Igape Responde, un servizo en liña e de resposta rápida dirixido a empresas, persoas autónomas e emprendedoras. Entre outros apoios, o servizo axuda a obter liquidez, xerar novas fontes de ingresos, aumentar a eficiencia das empresas ou apoios na fase de alta de novos negocios, entre outros.

Para recibir este acompañamento personalizado, só hai que cubrir o formulario dispoñible na web. 

 

Categorías: Artigos.