A Intelixencia Empresarial e a súa achega na toma de decisións

Segundo datos dun estudo da empresa Domo, no 2021 cada minuto visualizáronse 167.000 millóns de vídeos en TikTok, escribíronse 575.000 chíos, compartíronse 65.000 fotografías, 6 millóns de persoas realizaron unha compra en liña ou 12 millóns de persoas enviaron unha mensaxe electrónica.  Estas cifras evidencian que o coñecemento, actualmente, conleva unha potente capacidade de procesamento, cribado, análise e simplificación de datos masivos.

“O coñecemento é poder”, frase atribuída a Francis Bacon, soado filósofo, político, avogado e escritor inglés. Significa que, mentres máis coñecemento se ten sobre algo ou alguén, máis poder se terá. É dicir, a frase trata de expresar a idea de que o coñecemento sobre algo permite máis opcións e mellores modos de enfrontar unha situación.

A Business Intelligence (BI), ou Intelixencia Empresarial, é “un termo xenérico que inclúe as aplicacións, as infraestruturas e as ferramentas, así como as mellores prácticas, que permiten o acceso e a análise da información para mellorar e optimizar as decisións e o rendemento dunha empresa” (consultora Gartner Inc.). Non confundir co Big Data, que se ocupa da captura, almacenamento e procesamento de datos masivos, ou o Data Science que fai referencia á análise preditiva e prescritiva deses datos.

Poderiamos dicir que, o Big Data permite a captura, almacenamento e procesamento de datos masivos, que analizaremos mediante ferramentas de Business Intelligence e permitiranos proxectalos cara o futuro o Data Science. Deste xeito, na práctica, implementar un Business Intelligence moderno implica contar cunha vista integral de todos os datos da organización, e en usar estes datos para eliminar as ineficiencias e adaptarse rapidamente aos cambios do mercado ou a demanda.

Por último, falaremos agora de forma sintética de 3 aspectos do Business Intelligence: vantaxes, desvantaxes e ferramentas.

Vantaxes da súa utilización

  • Visión xeral e control de distintas áreas da empresa: informes financeiros, comerciais, de márketing, etc.
  • Customizable e accesible: crea cadros de mando e informes específicos segundo as necesidades da empresa e os distintos departamentos.
  • Maior visibilidade dos procesos e identificación daqueles que necesitan máis atención.
  • Aumento da produtividade. Pódense obter informes con tan só un clic (maior eficiencia en recursos e tempo).
  • Sinxeleza nas análises. Permite mesmo a aqueles que non son analistas recompilar e procesar información de forma rápida.
  • Axilización de procesos. Automatízase a analítica e elimínase a complexidade dos procesos.

Desvantaxes da súa utilización

  • Os programas que se requiren non son excesivamente caros, pero adoitan requirir integracións a medida.
  • Complexidade na implementación do datawarehouse (depósito de datos).
  • Necesítase tempo para que se implemente o sistema de almacenamento.

Algunhas ferramentas das máis populares:

  • Microsoft Power BI.
  • IBM Cognos Analytics.
  • Oracle Business Intelligence.

A través do Igape Responde, ofrecemos asesoramento gratuíto para que avances na dixitalización do teu negocio. Só tes que explicarnos cal é a túa necesidade a través do formulario dispoñible na nosa web. 

Categorías: Artigos.