Exemplos de estándares de alto rendemento. Caros? Parte 1

O primeiro que chama a atención ao aterrar no aeroporto de Narita e coller o tren Narita Express cara a Tokio é como aplica Xapón a xestión visual en absolutamente tódolos ámbitos. Vexamos algúns exemplos:

  1. Supoñamos que estás no metro de Tokio e tes que coller a liña verde. Chegas á plataforma do metro e ves liñas de cores no chan, se te pos por exemplo na liña verde, indícache que por exemplo o vagón 8 da liña de verde para xusto diante desa raia. Tamén che indica onde debes agardar a que chegue o metro, facendo unha fila de a un no lado esquerdo e unha fila de a dous no dereito deixando o centro despexado para que primeiro baixe do metro a xente que se queda nesa estación. IMAXE 1.

 

Teñen un estándar preciso, moi visual, sinxelo de seguir, non contén ningunha ambigüidade e todo o mundo ten a disciplina de seguilo.

  1. Tes que coller o Shinkansen (tren bala) entre dúas grandes cidades, pasan a centos e o chan está cheo de indicacións visuais. Tes que coller o marrón e tes billete para o vagón 2? Só agarda onde vexas o número 2 no cadrado marrón e pasará o teu tren con liñas marróns no costado e o teito e no minuto exacto abrirá a porta do vagón 2 exactamente onde está indicado no chan. IMAXE 2 e IMAXE 3. 

Pero, como deteñen tódolos trens e metros no sitio e hora exactas? Aplicando estándares tremendamente sinxelos, visuais e con disciplina para seguilos.

Nas cabinas, os maquinistas levan marcados nos marcos das fiestras unhas puntas de frecha ou liñas de cor vermello. En tódalas estacións pintan na parede, na zona onde para a máquina do tren, unha frecha de cor vermello tamén, que lle indica ao maquinista que se fai coincidir ambas frechas deterá o tren/metro, na posición exacta que ten que estar para que as indicacións visuais que hai no chan da estación guíen á xente. IMAXE 4

Hai paradas que teñen barreiras automáticas na plataforma, o que significa que o tren non ten que deterse na posición exacta da frecha, hai unha certa folgura e ao maquinista indícanllo poñendo unhas liñas amarelas antes e despois da frecha que se pinta na zona da estación onde para a máquina, enmarcando unha zona verde onde é aceptable parar a máquina. É simpático porque teñen o sentido da precisión tan interiorizado que igualmente deteñen o tren facendo coincidir as frechas vermellas exactamente.

E agora que xa sabemos como paran os trens e metros con absoluta precisión e maxicamente a porta do vagón 8 da liña verde ábrese xusto onde poñen no chan que se abrirá a porta do vagón 8 da liña verde. Como fan para que ademais todo iso aconteza no minuto exacto? Pois cada pouco hai sinais visuais que lles indican onde se atopan. Cando ven unha desas sinais apuntan cara a diante co índice, miran a hora e comproban coa lista que teñen á súa esquerda para saber se van nunha franxa de medio minuto adiantados ou atrasados. Esta comprobación da realidade do que está pasando contra o estándar programado é extremadamente continua, o que fai que cada tren e cada metro cheguen e saian de cada estación á hora exacta.

Por que tantísima precisión? En Xapón, o transporte público úsase moitísimo e tes que cambiar de tren ou metro moi frecuentemente así que a xestión visual que mata toda ambigüidade sobre o que se debe facer sumada coa precisión, fan que o proceso de moverse por Xapón sexa sinxelo, preciso, sen loitas cos procesos e sen desperdicios.

Categorías: Artigos.