Es unha empresa e necesitas axuda? Estas son as principais subvencións a fondo perdido

Son numerosos os apoios que as administracións públicas poñen a disposición das empresas para levar a cabo os seus investimentos. Cunha axeitada planificación, as empresas galegas poden desenvolver os seus proxectos alixeirando a carga financeira que supón executar estes. Isto conséguese, entre outros medios, coñecendo e aproveitando as axudas a fondo perdido que a Xunta convoca periódicamente.

A saída á crise da Covid-19 marcouna a Unión Europea polo camiño da dixitalización e a loita contra o cambio climático. Os fondos NextGeneration EU non son só un plan de recuperación, senón que son a traducción de asumir esta crise coma unha oportunidade e apostar por transformar a economía cara un modelo máis verde e dixital. Así, as empresas galegas tiveron e teñen á súa disposición axudas para levar a cabo proxectos con estas características.

Pero tamén existen axudas para o investimento produtivo máis aló dos fondos de recuperación. Recentemente no Diario Oficial de Galicia véñense de publicar as bases reguladoras das axudas e dos préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento dos proxectos de investimento empresarial. Nacen co obxectivo fundamental de dinamizar a actividade económica en Galicia e potenciar o mantemento e creación de emprego, así como a innovación, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, e coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Esta axuda estará disponible para as pemes dos sectores industriais ou vinculados á industria ata o 30 de setembro de 2022.

As características principais dos proxectos que poden acceder a estas axudas son as seguintes:

  1. Proxectos de investimento empresarial xerais.

Serán aqueles cuxo obxectivo sexa a creación dun novo establecemento, a ampliación de capacidade dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían nel, ou ben o cambio fundamental no proceso global de produción do produto ou produtos afectados polo investimento no establecemento.

Os proxectos desta tipoloxía para os que se solicita a axuda deberán ter un importe de investimento subvencionable igual ou superior a 50.000 € e non superior a 900.000 €.

  1. Proxectos de investimento empresarial no sector de aloxamento.

Serán aqueles cuxo obxectivo sexa a creación dun novo establecemento, a ampliación de capacidade dun establecemento existente ou a modernización de establecementos existentes.

Os proxectos de creación dun novo establecemento deberán consistir na creación de locais hosteleiros de, como mínimo, unha categoría de 4 estrelas (ou 3 estrelas superior) cando se sitúen nos termos municipais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago ou Ferrol, ou de 3 estrelas (ou 2 estrelas superior), no resto do territorio da comunidade autónoma. Tamén poderán acceder a axuda os proxectos de Instalacións de aloxamento singulares, tipo cabanas ou burbullas, entre outros.

Os proxectos desta tipoloxía para os que se solicita a axuda deberán ter un importe de investimento subvencionable igual ou superior a 50.000 € e non superior a 900.000 €.

  1. Proxectos de investimento en equipamento produtivo.

Finalmente, poden acceder a axuda os proxectos que consistan no investimento en activos fixos que impliquen unha ampliación de capacidade produtiva polo menos do 10% dun establecemento existente.

Os proxectos desta tipoloxía para os que se solicita a axuda deberán ter un importe de investimento subvencionable igual ou superior a 25.000 € e non superior a 900.000 €.

As pemes beneficiarias poden chegar a obter entre un 20% e un 30% de subvención a fondo perdido. Como novidade, nesta convocatoria os proxectos cuxo orzamento subvencionable supere os 500.000€ poderán tramitar conxuntamente no expediente unha solicitude de préstamo parcialmente reembolsable para o financiamento do proxecto. Estes préstamos terán un tramo reembolsable e outro non reembolsable. O tramo non reembolsable constituirao a subvención concedida en aplicación das presentes bases e será disposto mediante o seu pagamento anticipado.

Se tes algunha dúbida, lembra que podes contactar con nós a través do Igape Responde. 

 

Categorías: Artigos.