Claves na busca de financiamento para proxectos: planificar, planificar e planificar

Un aspecto clave á hora de propoñer a busca de financiamento para un proxecto é a planificación. Todos estamos namorados das nosas ideas; porén, no proceso de plasmalas sobre o papel podemos atoparnos con imprevistos que non contemplaramos. Así, pode ocorrer que aquela idea inicial deba ser mudada para que poida converterse en realidade.

Primeiro consello: ser realista

Un dos primeiros pasos que debemos dar é detallar cualitativa e cuantitativamente os recursos que precisaremos: obra civil, equipamentos, persoal, licencias de software, etc… Neste proceso debemos facer un esforzo por sermos realistas. O desexo de levar o proxecto a cabo pode facernos subestimar os riscos, o que poría en perigo o futuro do investimento.

Un bo truco é solicitar, para cada partida de gasto, tres ofertas de diferentes provedores. Isto que parece unha labor tediosa e infructuosa, ten dúas vantaxes. Por unha parte, amósanos o valor de mercado real dos bens; por outra, se pensamos solicitar axudas á Administración adiantaremos traballos administrativos que nos virán ben cando se abra o prazo das solicitudes.

Segundo paso: calcula o tempo de execución e elabora plans de continxencia

A continuación debemos programar o tempo a execución do proxecto. Sempre foi este un aspecto clave á hora de planificar os nosos investimentos e, dado o contexto económico actual, aínda máis.

Xunto coa cuantificación económica de cada partida de gasto, debemos consultar cos nosos provedores os prazos de entrega de cada un dos bens. Debemos esforzarnos novamente na análise de riscos e na elaboración de plans de continxencia. Unha vez máis, aqueles proxectos que vaian concorrer a axudas públicas, deben ter un ollo posto no período de execución que esixe a convocatoria á que nos dirixiríamos.

Pero, que é o período de execución? É aquel período de tempo onde debemos realizar os investimentos subvencionados. Nas bases reguladoras de cada unha das axudas, a Administración establece o seu calendario: dinnos cando temos que presentar a solicitude, cando teremos concesión, cando debemos realizar o proxecto e cando recibiremos o importe concedido. Contamos con toda esta información antes de presentar a solicitude, o cal nos axuda á nosa planificación.

Así, finalizado o período de execución, debemos ter facturado o investimento, pagadas as facturas, debemos contar con todas as autorizacións administrativas que me permitan poñer en funcionamento os investimentos e cumpridas todas as obrigas adicionais que me pida a convocatoria (por exemplo, formalizados os contratos daqueles postos de traballo que nos comprometemos a crear na solicitude).

Terceira regra: define a cantidade que necesitas

Cando teñamos o noso plan de investimento establecido, seremos quen de determinar as nosas necesidades de financiación. Ao mesmo tempo teremos unha previsión da nosa tesourería; evitar as tensións desta e establecer plans de continxencia fará que, por fin, a nosa idea se convirta nun proxecto de éxito.

Para satisfacer as nosas necesidades de financiamento, podemos acudir a fontes privadas (préstamos bancarios, por exemplo) ou a fontes públicas (axudas e subvencións); nestas últimas, unha boa planificación vai ser a chave para o éxito.

En que punto estás co teu plan de investimento? Necesitas orientación? Podes solicitar o asesoramento, sen custe, a través do formulario do Igape Responde. 

Categorías: Artigos.