Como xa comentamos nun Punto PAE podemos dar de alta unha Sociedade de Responsabilidade Limitada ou SL (lembra preguntar primeiro no punto PAE da túa elección se presta este servizo: buscador de puntos PAE, e lembra que as oficinas do IGAPE son Puntos PAE).
A documentación necesaria para dar de alta unha Sociedade de Responsabilidade Limitada (SL ou SRL) é:
• Certificación negativa da denominación da sociedade outorgada por Rexistro Mercantil Central. Solicitala en: http://www.rmc.es/deno_solicitude.aspx A opción máis rápida e a mais barata é a opción E: entrega telemática que non necesita firma electrónica.
• Certificado de conta bancaria: Pode ser unha particular dun dos socios ou a mellor opción é que unha vez xa se teña o certificado da denominación ábrase unha conta corrente a nome desta sociedade. Necesitarémola para domiciliar os pagos da seguridade social e para o pago do rexistro mercantil provincial.
• DNI de todas as persoas socias e traballadoras. No caso de Estranxeiros sen DNI: NIE comunitario ou NIE e permiso de residencia e traballo por conta propia. No caso de Socios Estranxeiros Capitalistas (sen residencia nin actividade na empresa) teñen que achegar o NIE por asuntos económicos. Se o socio é forma xurídica: CIF da empresa e datos do representante (con poderes para asinar).
• Tarxeta da Seguridade Social: de todas as persoas socias (que vaian ser dados de alta na SS) e traballadoras, ou outro documento que acredite o número de afiliación á Seguridade social.
Outros datos que se precisan:
• Datos persoais dos socios (e Cónxuxes: DNI e Réxime do matrimonio), dirección correcta (se a do DNI xa non é) e o código postal.
• Domicilio da empresa e da actividade empresarial (incluído: metros cadrados do lugar da actividade, código postal e teléfono).
• Epígrafe IAE (Actividades Económicas) e CNAE (Preguntar na Axencia tributaria que IAE e CNAE nos corresponde). Actividade/s a realizar neste momento, ou futuras actividades previstas a realizar pola empresa (Importante para o obxecto social nos estatutos).
• Achega de cada socio. No seu caso, indicación da condición de administradores, nº de participacións, importe da participación e retribución do administrador: gratuíto, cantidade fixa ou % dos beneficios.
• Para darse de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA): base de cotización elixida e Mutua.
• Para contratación de traballadoras/es: contrato ou acordo de contratación ou autorización para cursar o alta na Seguridade Social.
Se necesitas que che asesoremos sen custe neste aspecto, podes solicitalo a través do formulario do Igape Responde.