As persoas afectadas por un ERTE ou polo cesamento de actividade, como rendimos contas con Facenda?

As persoas traballadoras por conta allea que estivesen afectadas por un ERTE en 2020 deberán declarar as prestacións recibidas porque se consideran rendementos de traballo e as retencións aplicadas polo Estado foron moi baixas. Na mesma situación atópanse os autónomos que recibiron axudas ao solicitar o cesamento de actividade do seu negocio.

En ambos os casos, deberán render contas coa Axencia Tributaria na próxima declaración da Renda cuxa campaña arrinca o próximo 7 de abril. A razón é simple: tanto as persoas en ERTE como as que solicitaron o cesamento de actividade -ou paro dos autónomos, estiveron cobrando as súas prestacións libres de retencións, o en xeral estas foron moi baixas. Agora deberán facer a declaración da Renda, para pagar, se é o caso os impostos que non lles descontaron nas retencións que aplicou o SEPE ou a Mutua.

O impacto no IRPF do ERTE e das axudas a persoas traballadoras autónomas resúmese nos puntos que expón a Axencia Tributaria e que che detallamos a continuación:

1-As prestacións derivadas dun Expediente de Regulación Temporal de emprego (ERTE) considéranse rendemento de traballo e como tal están suxeitas a gravame. Non están exentas do IRPF.

2- O cobro das prestacións derivadas dun ERTE implicará na práctica totalidade dos casos a existencia de dous pagadores. Deste xeito, se unha persoa obtivo durante o exercicio 2020 rendementos de traballo de dous pagadores distintos pódese atopar nestes dous supostos:

–          Se o importe percibido do segundo e restantes pagadores non supera os 1.500 euros, non existirá obriga de declarar por IRPF se a suma total de rendementos do traballo non excede os 22.000 euros.

–          Se o importe percibido do segundo e restantes pagadores supera os 1.500 euros, non existirá obrigación de declarar por IRPF se a suma total de rendementos do traballo percibidos no exercicio non excede os 14.000 euros.

Respecto da contía a declarar, a Axencia Tributaria inclúe todas as prestacións recibidas entre os mese de marzo e decembro de 2020, no caso de peches de actividade provocados con motivo da alerta sanitaria.

Se tes máis dúbidas ao respecto, podes solicitar o teu asesoramento gratuíto a través do formulario do Igape Responde. 

 

Categorías: Artigos.