ABERTA a convocatoria dos Centros de Fabricación Avanzada para impulsar a modernización das empresas

O programa Centros de Fabricación Avanzada é a liña de axudas da Xunta para poñer en marcha proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido.

O obxectivo é facilitar a dispoñibilidade local de infraestruturas de apoio á industria. Esta dispoñibilidade de infraestruturas beneficia ás pequenas e medianas empresas, xa que lles permite acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos.

Os proxectos deberán facilitar o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores así como a modernización da base industrial de Galicia. Os apoios poden chegar ata o 80% do investimento subvencionable, e prevense tamén anticipos de ata o 80%.

Cómpre salientar que para coñecer a demanda que teñen este tipo de espazos industriais compartidos, previamente fíxose unha consulta entre o tecido produtivo galego para que os axentes económicos manifestasen o seu interese en acceder a unha liña de axudas para a posta en marcha de infraestruturas abertas de apoio á industria.

A consulta permitiu coñecer a demanda de axudas, favorecendo a concertación de proxectos con tempo suficiente e facilitando o establecemento das bases de axuda cos interesados.

A primeira edición deste programa impulsou a creación de seis centros de fabricación avanzada, que suman máis de 16 millóns de euros en apoios e que están a permitir promover proxectos en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario.

Máis información, nas bases publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 28 de setembro. 

 

 

 

Categorías: Artigos.