A importancia dos valores na filosofía Lean. Parte II

Se es un egomaníaco, Lean non é para ti, así de simple. Es afeccionado a comezar as frases por “eu”? Non intentes implantar cultura Lean, fai calquera outra cousa. Hai programas de mellora de procesos espectaculares (sobre todo mediante métodos estatísticos) que van moi ben e provocan gran impacto tamén nos procesos…ademais teñen a vantaxe de que son compatibles con personalidades egomaníacas e logo podes venderlle os teus logros persoais ao xefe e levarte unha medalla nova.

Por que se es individualista e/ou egocéntrico non debes emprender nada parecido a cultura Lean? Hai principalmente 3 razóns:

  1. O teu ego e o teu orgullo persoal cegaranche de todo aquilo que necesitas aprender. A maior vantaxe competitiva dunha cultura Lean é que produce equipos de persoas que son capaces de “organizarse para aprender máis rápido e dunha forma máis estruturada que ninguén” e contra esa vantaxe competitiva é moi difícil pelexar. Como competidor, o meu maior medo sería que algunha empresa competidora fose capaz de aprender moito máis rápido ca min, porque me levaría moitísimo xa o feito só de organizarme para aprender como ela (intentastes contar algunha vez cantos miles de empresas intentan ou din intentar emular a Toyota e fracasaron estrepitosamente?, organizarse para aprender non é nada doado).

Todo isto parte da base de que o líder aprende de cada compoñente do grupo, ao igual que cada compoñente do grupo aprende do líder. Se cres que sabes máis que os demais e que debes ter tódalas respostas, ese ego e ese orgullo cegaranche de todo o que necesitas aprender co teu equipo. O primeiro que debes saber é que ata a metade das túas conviccións máis firmes son erróneas, que non es máis listo (nin máis tonto) que os demais e que a metade das cousas que probes, ao igual que as que probe cada membro do teu equipo, fallarán, que todo o teu equipo ten ideas espectaculares e que o teu traballo é crear o entorno onde esas ideas flúen, póñense a proba no momento e se celebran con entusiasmo (si, Lean tamén esixe moitísimo entusiasmo en traballar con xente, Lean é sinxelo pero non é fácil).

 

  1. Se o teu ego está comprometido, Lean non é para ti. Lean obrigarate a compartir o crédito dos teus logros ou pasarllo directamente por enteiro aos demais. Lean obrigarate a poñer as túas ideas no campo de probas xunto coas ideas de tódolos demais e elixir a que obxectivamente sexa mellor e ademais celebrar de verdade que teñamos unha solución boa (aínda que non sexa a que ti propuxeches…en Lean unha convicción sen tela posto a proba, aínda que veña do Papa, é só unha opinión máis). Lean obrigarate a estar permanentemente fóra da túa zona de confort, validando as túas opinións e crenzas xunto coas de tódolos demais sen espírito de competir, senón de elixir a mellor opción nese caso. Aínda que sexas o líder, Lean obrigarate a dicir a diario “gústame a túa idea máis que a miña, imos probala”, “incrible, como fixeches iso?, podes ensinarme?” ou “non o sei, imos descubrilo”. Para ser líder nunha cultura Lean non te tes que deixar o ego na casa, tes que perdelo na outra punta do país!! e substituílo por curiosidade e ganas sinceras de contribuír a que cada persoa que te rodea se desenvolva ao máximo do seu potencial.

 

  1. Se o teu ego faite crer que o teu coñecemento persoal non debes compartilo por completo co equipo porque iso faríate menos indispensable (outra vez eu, eu, eu), os que te rodean farán o mesmo e Lean será imposible, non hai forma de organizarse para aprender nesas condicións, adeus á vantaxe competitiva máis importante dunha cultura Lean. Se a túa meta non é intentar con tódalas túas forzas que cada persoa do teu equipo se desenvolva ao máximo do seu potencial e consiga ata cousas que nin ti mesmo es capaz de conseguir, Lean non é para ti. Non hai nada máis gratificante que ver á xente evolucionar, aprender e desenvolverse.

 

 

Categorías: Artigos.