Test 5S. Cal é o obxectivo fundamental de 5S? Saberías sinalar a resposta correcta?

“LEAN É CAPACITAR AOS TRABALLADORES PARA QUE SEXAN CAPACES DE OFRECER MÁIS VALOR AO CLIENTE.”

É indispensable que interiorices esa frase de cabeceira, xa que todas as ferramentas Lean debes entendelas dende ese enfoque, así que, a modo de exemplo gráfico, vamos comezar polo máis básico, por aquelo que liches en mil sitios a tódalas horas, do que viches proxectos en multitude de empresas e que é posible que incluso o estudaras na carreira universitaria:

 

TEST 5S. Cal é o obxectivo fundamental de 5S? Saberías sinalar a resposta correcta?

O obxectivo de 5S é crear para o traballador un espazo limpo e ordenado de traballo.

  1. O obxectivo de 5S é crear para o traballador un espazo libre de interferencias innecesarias, coa finalidade de que nós poidamos observar o proceso de forma limpa en busca de desperdicios de tempo a eliminar.
  2. O obxectivo de 5S é crear para o traballador un espazo seguro de traballo.
  3. O obxectivo de 5S é aumentar a produtividade, xa que ordenándolle o espazo de traballo ao traballador evitamos que este realice movementos innecesarios en busca de ferramentas, útiles, etc.
  4. Tódalas anteriores son correctas.
  5. Ningunha das anteriores é correcta.

Se contestaches a a, b, c, d ou e volve á primeira frase desta páxina, é o primeiro que tes que entender.

A túa empresa está sucia? Podes limpala. As ferramentas están todas ciscadas? Podes facer un panel precioso, pintar as ferramentas coas cores do posto e colgalas para que o teu operario non se pase o día buscándoas. O teu operario traballa en posicións pouco ergonómicas e xa lle doen as pestanas. Podes cambiarlle a mesa de traballo por unha segura e ergonómica, agradeceracho. Hai en medio dun proceso que queres observar tantas cousas innecesarias estorbando, que non podes velo? Ben, quítaas. Paréceche que se ordenas os útiles ao operario con bonitas etiquetas Dymo seralle moito máis fácil atopar as cousas e aumentará a produtividade? Xenial, pois faino. As rutas que teñen que seguir os materiais nos procesos son confusas e ata viches noutras fábricas que pintando unhas liñas nun bonito color amarelo no chan estaría todo moito máis claro? Moi ben, adiante…PERO NON CHAMES A ISO 5S! E NON CHAMES A ISO LEAN!

Contestando algunha das anteriores opcións a, b, c, d ou e, estás a descubrir a túa mente taylorista occidental, cun perigo. China, India e o resto de países emerxentes tamén están cheas de tayloristas pero SON MÁIS BARATOS CA TI!

Non só 5S, senón todo Lean está baseado en CAPACITAR AO TEU EQUIPO PARA QUE CUMPRA OS OBXECTIVOS DO CLIENTE. Non se trata de “Nós, a xente lista, facémoslle un procedemento ao operario e ordenámoslle que o cumpra” iso é a base do taylorismo. Non se trata de “Nós, a xente lista ordenámoslle o espazo de traballo ao operario, deseñámoslle un panel de ferramentas colocadas por cores, píntalle unhas liñas no cha, deséñalle un método de traballo máis ergonómico e ordénalle que cumpra ese estándar que nós, unha vez máis, a xente lista, deseñamos para el.” Exposto así, o LEAN non ten sentido. 5S non ten sentido, nin ningunha ferramenta LEAN ten sentido. Isto é vital, se non entendes cal é o obxectivo de Lean. Vaste meter a anos e anos de sen sentido que non te levarán a ningunha parte, máis que a fracaso tras fracaso de implantación de ferramentas Lean sen ningún fío condutor.

Entón, cal é o obxectivo dunha implantación 5S? O verdadeiro obxectivo dunha implantación 5S é CAPACITAR AO OPERARIO nos beneficios da estandarización das súas operacións. Acabar tendo un espazo de traballo máis limpo, máis ordenado, sen interferencias que permitan identificar mellor os desperdicios, etc. son os beneficios vitais que se obteñen mediante esta capacitación básica do operario nas vantaxes da estandarización.

Volvendo á frase que preside este breve artigo “Lean é capacitar aos traballadores para que sexan capaces de ofrecer máis valor ao cliente” e agora que sabemos que o obxectivo das 5S é capacitar ao operario nos beneficios da estandarización, de ter un posto estandarizado que lle resulta seguro, fácil de atopar o que busca, que non ten nada que non lle faga falta e ten todo o que precisa a man cando o precisa.Cres que o teu operario con esa capacitación básica nos beneficios da estandarización é agora capaz de ofrecer máis valor ao teu cliente? Cres que agora lle resultará máis fácil ofrecer máis calidade, máis velocidade de servizo ou que sexa o valor polo que o teu cliente che compra? Na definición de Lean tes capacitación da túa xente para o teu cliente, non perdas de vista ningunha desas dúas partes clave, capacitación da túa xente si, pero cun fin, aportar máis valor para o teu cliente.

Se necesitas asesoramento, sen custe, para o teu negocio neste aspecto, só tes que solicitalo a través do formulario do Igape Responde.

 

Categorías: Artigos.