Tes empregados teletraballando? Isto é o que debes saber

Coa pandemia, o teletraballo pasou de ser unha excepción a formar parte da rutina de moitas empresas. Así, coa entrada en vigor da lei do teletraballo, trala súa publicación no BOE do 23 de setembro de 2020, empresas e traballadores teñen dereitos e obrigas que afectan a aspectos tan esenciais como a prevención de riscos e a protección de datos de carácter persoal. Sabías, por exemplo, que un técnico de prevención de riscos pode acudir a un domicilio para comprobar que o posto de traballo é o adecuado?

Estes son, en liñas xerais, os principais aspectos da nova lei:

-As persoas que traballen a distancia teñen os mesmos dereitos que as que o fagan de maneira presencial.

-O traballo a distancia é voluntario e reversible para ambas as partes (empregador e empregado/a).

-A empresa deberá dotar de medios, equipos e ferramentas para facer o traballo a distancia, tamén se encargarás do mantemento, e déixase á negociación colectiva a compensación de gastos.

-Hai limitacións ao traballo a distancia? Si, en tres supostos: contratos con menores de 18 anos, contratos de prácticas e contratos de formación e aprendizaxe, onde o mínimo de traballo presencial será do 50%. Para o resto dos traballadores, considerarase teletraballo cando sexa polo menos o 30% do total.

-O sistema de rexistro horario reflectirá a duración do traballo a distancia, sen prexuízo da flexibilidade horaria, e deberá incluír a hora de inicio e finalización da xornada laboral.

-As persoas que traballan a distancia teñen dereito a unha adecuada protección en materia de seguridade e saúde no traballo de conformidade coa Lei de Prevención de Riscos Laborais.

-Entre os aspectos para ter en conta en materia de prevención destacan os factores psicosociais, ergonómicos e organizativos. En particular, a empresa deberá ter en conta a distribución da xornada, os tempos de dispoñibilidade e garantir os descansos e desconexións do empregado/a. Tamén as condicións de seguridade no traballo (mesa adecuada, cadeira con cinco puntos de apoio, con rodas, respaldo reclinable, etc…).

-A prestación de servizos laborais debe estar limitada a unha zona determinada, é dicir, non pode estenderse ao resto da vivenda ou do lugar elixido para desenvolver o teletraballo.

-A empresa debe obter toda a información sobre os riscos aos que pode estar exposto o seu persoal e prever, no seu caso, as medidas de protección.

-A inspección pode acudir a un domicilio para comprobar as condicións nas que se realiza o teletraballo, pero a visita requirirá o permiso da persoa traballadora. Se non o concede, o desenvolvemento da actividade preventiva por parte da empresa poderá efectuarse en función da información solicitada da persoa traballadora de acordo coas indicacións do servizo de prevención.

-A empresa non poderá esixir aos traballadores o uso dos seus equipos dixitais persoais, nin a instalación de programas ou aplicacións nos mesmos, e garantirá o dereito á intimidade e á protección de datos.

-A empresa poderá acceder aos contidos derivados do uso de medios dixitais facilitados aos traballadores só a efectos de controlar o cumprimento das obrigacións laborais ou estatuarias e de garantir a integridade dos devanditos dispositivos.

-O empregador poderá adoptar as medidas de vixilancia e control oportunas para verificar o cumprimento por parte da persoa traballadora das súas obrigacións e deberes laborais, incluído o uso de medios telemáticos.

Se necesitas asesoramento, sen custe, neste asunto podes solicitalo a través do Igape Responde. 

 

Categorías: Artigos.