Os nosos procesos, adáptanse ás ferramentas? Ou elas adaptánse a nós? A importancia de definir os requerimentos básicos

Un requirimento é unha condición ou necesidade dun usuario para resolver un problema ou alcanzar un obxectivo.

A través dos anos constatouse que os requirimentos ou requisitos son a peza fundamental nun proxecto, xa que marcan o punto de partida para actividades como a planificación, a definición de recursos necesarios ou a elaboración de cronogramas. Ademais, a especificación de requirimentos é a base que permite verificar se se están cumprindo as metas trazadas e se se alcanzaron ou non os obxectivos marcados no proxecto, xa que estes son un reflexo detallado das necesidades dos clientes.

É moi frecuente escoitar que un gran número de proxectos fracasan por non realizar unha axeitada definición, especificación e administración dos requirimentos. Dentro desa mala administración pódense atopar factores como a falta de participación do usuario, requirimentos incompletos ou o mal manexo do cambio dos requirimentos.

Os principais beneficios que se obteñen dunha boa toma de requirimentos son:

  • Permite xestionar as necesidades do proxecto dunha forma estruturada.
  • Mellora a capacidade de definir cronogramas de proxectos.
  • Diminúe os custos e atrasos do proxecto.
  • Mellora a calidade do proxecto.
  • Mellora a comunicación entre os diferentes equipos do proxecto.
  • Evita rexeitamento dos usuarios finais.

Unha vez teñamos ben definidos os nosos requirimentos, debemos buscar no mercado as tecnoloxías que nos permitan cubrilos. Será complicado que esas ferramentas existentes no mercado cubran o 100% das nosas necesidades, tal e como nós as definimos, entón, adaptámonos a elas ou desenvolvemos unha ou unhas á nosa medida?

As ferramentas estándar dannos unha serie de vantaxes, por exemplo, son máis económicas e a súa implantación adoita ser máis rápida. Ademais, ofrecen certas garantías xa que podemos avaliar o seu funcionamento a través doutros clientes que xa as asumiron, aprender de casos exitosos doutras empresas, coñecer as opinións dos usuarios ou aspectos positivos ou negativos do seu funcionamento.

Se optamos por ferramentas a medida, habituarémonos antes a elas xa que o seu funcionamento axustarase en maior medida á nosa forma de traballo. Isto pode ser unha diferenciación con respecto á competencia, xa que poderemos potenciar procesos nos que destacamos especialmente. Algúns dos inconvenientes da elección desta alternativa serán: a implementación será máis lenta que nun caso estandarizado, o seu prezo será maior ou, outro problema que podemos atopar, é que só evolucionará por iniciativa propia (as ferramentas estándar adoitan actualizarse periodicamente).

As empresas de nova creación téñeno máis fácil para adaptarse á tecnoloxía, xa que habitualmente non parten dunha maneira de traballar. Pola súa banda, empresas con moitos anos traballando dunha determinada maneira adoitan ser máis remisas a solucións estándar e prefírenas a medida, tratando de evitar que estas teñan un gran impacto na súa forma de traballar e aproveitar a súa experiencia para explotar os seus puntos fortes.

Polo tanto, despois de definir moi polo miúdo os requirimentos do meu sistema, antes de decidir a mellor opción deberiamos expornos polo menos un par de preguntas: Cal é a especialización do meu negocio? Estou disposto a adaptar o desempeño da miña empresa ao software ou debe adaptarse o software á miña forma de traballar?

Categorías: Artigos.