O rexistro retributivo xa é obrigatorio para todas as empresas. Como facelo e que debe incluír?

O rexistro retributivo ou salarial é obrigatorio para todas as empresas en España desde o pasado 14 de abril e o seu incumprimento penalizarase con sancións de ata 187.000 euros. Así se establece no Real Decreto 902/2020 aprobado polo Goberno para garantir a igualdade de trato e a non discriminación salarial entre homes e mulleres aplicando os principios de transparencia. O seu obxectivo é combatir e identificar as brechas salariais e é obrigatorio para todas as empresas ata as que teñen un só traballador. Pero sabes onde e como facelo ou que debe incluír?

En realidade, o rexistro retributivo -que Inspección de Traballo pode solicitar en calquera momento-  é un documento onde deberá recollerse toda a información salarial da empresa de forma detallada que mostre de maneira separada as retribucións de homes e mulleres do persoal. A súa finalidade é garantir a transparencia das retribucións e facilitar un acceso a esta información, independentemente do tamaño da empresa, e debe recoller toda a información sobre os salarios, incluíndo persoal directivo e altos cargos. O período de referencia será dun ano natural.

No rexistro salarial hai que especificar os seguintes datos desgregados por sexos:

  • Salario total anual e brecha de xénero deste concepto.
  • Salario base anual e brecha de xénero deste concepto.
  • Complementos salariais anuais e brecha de xénero deste concepto.
  • Percepcións extrasalariales e brecha de xénero deste concepto.
  • Percepcións anuais por horas extraordinarias e por horas complementarias e brecha de xénero deste concepto.

 

No caso das empresas con máis de 50 traballadores, se existe unha diferenza dun 25% ou máis entre os salarios de homes e mulleres, debe incluírse no rexistro salarial unha xustificación de que esa diferenza non está relacionada co sexo do persoal.

As empresas obrigadas a realizar un plan de igualdade terán que incluír nel unha auditoría retributiva para comprobar se se cumpre o principio de igualdade entre homes e mulleres en materia salarial.

Na actualidade, todas as empresas con máis dun centenar de traballadores en persoal deben ter un plan de igualdade, unha obrigación que a partir do 8 de marzo de 2022 esixirase tamén ás empresas de entre 50 e 100 traballadores.

 

Que ocorre se unha empresa non realiza o rexistro?

A ausencia do rexistro retributivo poderá dar inicio a accións administrativas e xudiciais e/ou á aplicación das sancións por discriminación. Así, as empresas que falseen ou non realicen o rexistro retributivo poderían ser sancionadas segundo o réxime de infraccións e sancións da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS), en función da gravidade dos feitos. Para as infraccións máis graves poderán impoñerse sancións de entre 600 e 6.000 euros e poderían chegar aos 187.000 euros naqueles casos nos que se ditamine que hai una discriminación salarial moi grave.

Se necesitas asesoramento, sen custe, para o teu negocio neste aspecto, só tes que solicitalo a través do formulario do Igape Responde.

 

Categorías: Artigos.