O papel da “auditoría” na mellora continua e na detección de melloras. Sen exame, non estudamos

Lean é un sistema de aprendizaxe e capacitación continuada, que se serve dunha serie de ferramentas (que é o que a todo o mundo lle soa de Lean) para formar a cada persoa en algo moi concreto. Cada ferramenta ten unha finalidade formativa moi precisa en algún dos principios Lean.

Como todo sistema de formación, Lean require “exames” polo mesmo motivo que existen exames en todo sistema formativo:

  • Tes que verificar que todo o mundo entendeu “a lección”.
  • Algo moi humano e obvio, “SEN EXAME NON ESTUDAMOS”. Sóavos cando a profesora dicía “isto non cae no exame”? Alguén estudaba o que sabía que non iba caer no exame? O mesmo ocorre cando intentas formar a alguén cunha ferramenta Lean, se non hai exames simplemente ninguén “estuda”.

En Lean sempre falamos de fluxo continuo e equilibrado en tódolos procesos, polo tanto cando propoñemos exames tamén buscamos un “un fluxo continuo e equilibrado de exames”. O motivo é moi sinxelo, non só buscamos comprobar que se entendeu a lección, senón tamén XERAR UN HÁBITO CONCRETO xa que a maior dificultade cando se implanta unha cultura Lean é a de xerar novos hábitos no equipo.

Neste sentido unha das ferramentas Lean preferidas de exame continuado para xerar novos hábitos é o panel Kamishibai, que na súa forma máis sinxela non é máis que un taboleiro de tarxetas T vermellas por unha cara e verdes pola outra onde se anotan as tarefas a realizar ou puntos do proceso a controlar con periocidade (cabe recordar que é un mecanismo para crear rutinas e hábitos. Ademais de extremadamente efectivos, os taboleiros de tarxetas T son moi económicos, só hai que ter coidado de comprar un de tarxetas grandes e co número de ocos que se adapten á periocidade do “exame”).

Hai dúas formas de empregar un taboleiro Kamishibai (IMAXE) segundo a finalidade do exame.

1. Queres determinar que unhas determinadas tarefas se realizan de forma periódica, como por exemplo gamas de autocontrol de procesos.

Neste caso, debes poñer as tarxetas e as colocas polo lado vermello. A medida que se van executando as tarefas voltéanse para mostrar o lado verde, de maneira que verás dende calquera punto da planta se as tarefas que están na tarxeta se executaron ou non e poderás tomar accións para saber por qué non se puideron executar as tarefas programadas. Ten moitísimas aplicacións como gamas de automantemento, verificación de puntos críticos, etc.

 

2. Queres que se verifique con periocidade se un proceso está dentro ou fóra do estándar e no caso de estar fóra que se faga unha pequena análise no mesmo momento que se detecta a desviación.

Buscas xerar o hábito de comprobar o estándar e analizar desviacións. Nestes casos pos uns casilleiros cas tarxetas e a medida que se comproba o estándar colócanse no panel polo lado verde se o resultado é “dentro do estándar” e polo lado vermello se o resultado é “fóra do estándar”. Ao carón do panel de tarxetas T pos unha pizarra para que, en caso de que o proceso estea fóra do estándar, se poña que pasou, cal foi a causa e que contramedida se tomou. IMAXE 2

Categorías: Artigos.