Negocios B2B: que son e vantaxes que ofrecen

Os negocios B2B seguen crecendo en España grazas ás facilidades que ofrece a dixitalización nas relacións cos clientes. Ademais, presentan certas vantaxes con respecto aos negocios B2C.

O termo B2B é a forma abreviada das siglas en inglés “Business To Business”, o que significa “de negocio a negocio”. Este concepto emprégase para denominar ás empresas que prestan servizos ou venden produtos a outras empresas ou profesionais. É dicir, aqueles negocios que non interactúan co cliente final. Empresas de ciberseguridade, axencias de marketing ou consultorías son algúns exemplos deste tipo de modelo de negocio.

O sector B2B non foi unha excepción en canto aos cambios que sufriu o mundo ca pandemia. Este suceso tamén impulsou a dixitalización nas relacións neste tipo de negocios, axilizando a comunicación cos clientes e producíndose incrementos nas compras en liña. De feito, de cara ao ano 2026 estímase que en España máis do 25% dos pedidos B2B sexan en liña.

As empresa cun modelo de negocio B2B teñen certas vantaxes con respecto aos negocios B2C, das siglas en inglés “Business To Consumer”, é dicir, empresas que se dirixen aos clientes ou consumidores finais. Algúns exemplos serían unha cafetería, unha tenda de roupa ou un supermercado.

O feito de que haxa máis clientes finais que empresas, provoca unha maior competitividade entre os negocios B2B, polo que diferenciarse da competencia é unha necesidade. Ter unha identidade propia e ofertar un produto novidoso e diferenciador, creará unha nova necesidade entre os clientes potenciais.

Ese produto ou servizo innovador que se ofreza dotará ao negocio dunha identidade propia que os clientes interpretarán como algo prestixioso, convertendo a dita empresa en especialista nunha materia en concreto. Isto evitará que se dispoñan demasiados esforzos en promocionarse, aforrando tempo e diñeiro.

Ademais, nos modelos B2B as relacións cos clientes son diferentes. En xeral, os servicios e produtos que se ofertan son máis complexos, de maior volume e custe que nos negocios B2C. Polo tanto, os procesos de compra son máis longos, os clientes toman decisións máis meditadas, pero tamén realizan maiores investimentos.

Se @ cliente queda satisfeit@, facilitará que se propicie unha relación máis individual e personalizada que se estenda no tempo, chegando á fidelización. Algo máis difícil de conseguir cos modelos B2C.

Queres saber como facer realidade o teu negocio e arrancar esa nova actividade? Se tes dúbidas, e precisas axuda, podes solicitar asesoramento, sen custe, a través do formulario de Igape Responde.

Categorías: Artigos.