As diferentes situacións xeopolíticas, sanitarias ou económicas que atravesa a sociedade actual crean novas preocupacións, necesidades e intereses nas persoas, xerando novos retos e oportunidades nos negocios e sectores do futuro.
A sociedade actual vese afectada pola inestabilidade que provocan os acontecementos imprevisibles deste mundo globalizado, e os negocios que perduran, e seguen medrando, son aqueles que se saben adaptar a estas novas situacións.
O illamento que provocou a crise da COVID-19 foi un punto de inflexión para as empresas e impulsou a transformación dixital, que xa viña en crecemento nos últimos anos. Moitas das tendencias xurdidas neste contexto, veñen dadas polo elevado compoñente tecnolóxico que precisan a maioría dos negocios para sobrevivir na actualidade. Garantir unha boa experiencia de usuario, ou saber adaptar e empregar a realidade virtual, pode ser clave para diferenciarte da competencia e atraer novos clientes.
Pero as tendencias actuais van máis aló das tecnoloxías. Estamos ante unha sociedade cada vez máis esixente, concienciada sobre o cambio climático e a protección do medio ambiente, que busca ter unha vida máis saudable e consumir produtos de calidade. Todas estas tendencias xeran retos e oportunidades que poden ser aproveitadas polos negocios e sectores do futuro.
Sector da Saúde
O coidado de nenos, persoas dependentes, o incremento dos maiores nos fogares ou con algunha discapacidade, en moitos casos, non poden ser asumidos polas familias por falta de tempo, o que deriva en que recorramos a terceiras persoas ou empresas privadas como gardarías, residencias de maiores ou centros de día.
Sector Tecnolóxico
A chegada da Cuarta Revolución Industrial, ou Industria 4.0, engade novas tecnoloxías moito máis avanzadas á produción, como son a realidade virtual, a intelixencia artificial, a robótica, o Internet das Cousas, a inversión na nube, a impresión 3D ou os xemelos dixitais.
Isto, sumado á dixitalización das administracións públicas, das organizacións e das empresas privadas, demanda moito persoal cualificado e a implantación de ferramentas e operativas moito máis áxiles na xestión empresarial.
Sector do Marketing Dixital
Hoxe en día vemos a vida a través das pantallas, e internet forma parte da rutina da xente, sendo en moitos casos imprescindible. Se as marcas non se publicitan a través da rede, non chegarán aos potenciais clientes e non terán visibilidade, por iso cada vez cobran máis importancia empresas e profesionais con alta especialización en Marketing Dixital.
Sector das Enerxías Renovables
A eficiencia e o aforro enerxético cobran cada vez máis relevancia, especialmente coa situación xeopolítica que se está vivindo na actualidade. As empresa adicadas ás enerxías renovables, como a biomasa, aerotermia ou a enerxía solar, están sendo cada vez mais valoradas, xa que son fontes de enerxías limpas que poden paliar as consecuencias da crise enerxética e acabar substituíndo ás enerxías non renovables ou con máis custo para o consumidor.
Queres saber como facer realidade o teu negocio e arrancar esa nova actividade? Se tes dúbidas, e precisas axuda, podes solicitar asesoramento, sen custe, a través do formulario de Igape Responde