Como xestiono as miñas redes sociais dende unha soa aplicación? Exemplo práctico: Metricool

Hoxe en día as redes sociais son moi importantes, non só nas relacións sociais, senón tamén nos negocios. Darse a coñecer ou manter unha boa imaxe corporativa na rede pode supoñer a diferenza entre ter aos teus seguidores/clientes fidelizados ou non, ou ser esquecidos.

Ademais cada día xorden mais plataformas, Instagram, Twitter, YouTube, Facebook, LinkedIn, Tik Tok… incluso a nosa web ou blog pode considerarse unha rede social. Para poder ter control de todas, optimizar o noso traballo e non esquecer ningunha, existen ferramentas para a administración conxunta de redes.

Se queres lograr que a xestión das túas redes sociais sexa mais sinxela, hai moitas ferramentas que che poden axudar. Estas plataformas centralizan os teus perfiles nun único panel, podes programar as túas publicacións, recibir alertas de novos comentarios ou interaccións dos teus seguidores, entre outras tarefas.

Ferramentas como HootSuite, TweetDeck, Buffer, BuzzSumo, Over ou Metricool axúdannos a lograr estes obxectivos.

Todas estas ferramentas dispoñen de versión de proba, soe durar 30 días e permite facer unha análise axeitada da plataforma e comprobar se se axeita ás nosas necesidades.

Neste artigo faremos unha pequena introdución a Metricool.

Metricool é unha ferramenta de análise, xestión e seguimento de redes sociais que nos permite obter datos sobre a nosa influencia en diferentes plataformas. Grazas a ela, podemos ver cantos seguidores temos, cantos likes, quen comparte o noso contido, ou pola contra, quen deixa de seguirnos ou valora negativamente as nosas publicacións.

Para poder controlar as nosas redes sociais tan só debemos crear unha nova conta na plataforma Metricool e ligar unha a unha todas as nosas redes, así como a páxina web. Non é necesario ligalas todas, podemos facer un seguimento das que consideremos mais importantes. Metricool poderá comezar a recompilar información sobre a repercusión dos nosos contidos publicados nunha rede concreta unha vez enlacemos coa mesma, non podemos obter información sobre todos os sucesos ocorridos previamente ao uso de Metricool, xa que daquela non tiña permiso para recompilar estes datos.

Mediante gráficas e documentos podemos obter a información necesaria para saber a que horas do día temos un maior impacto positivo no mercado, que épocas do ano temos maior relevancia, que artigos ou publicacións son de maior interese… e deste xeito trazar un plan de crecemento e mellora empresarial. Concretamente, con  Metricool podes:

  • Ver que está a pasar na túa web ou blog en tempo real.
  • Analizar todos os teus contidos dixitais en redes sociais, web, blog e plataformas de publicidade en liña.
  • Planificar de forma sinxela as túas publicacións en social media e Google My Business.
  • Crear e descargar informes de maneira automática e personalizada con todos os teus datos de redes sociais ou campañas de publicidade en liña.
  • Descubrir as túas mellores horas para publicar en Twitter, Instagram e Facebook.
  • Analizar aos teus competidores e obter datos das súas estratexias en redes sociais.
  • Monitorar a actividade de hashtags en Twitter e Instagram.
  • Poñer links nas imaxes de Instagram.
  • Xestionar as mensaxes das túas redes sociais dende unha soa plataforma.

Pero claro, hai que seguir alimentando as nosas redes, teño que entrar a cada unha a publicar novo contido? Non necesariamente!

Metricool permite publicar nas túas redes sociais dende a propia plataforma, e incluso podes programar publicacións para unha data e hora concretas e para todas redes dunha forma simultánea. Así non se terá que estar pendente de facelo e pódese deixalo todo programado con tempo.

Conta con varias versións. Unha gratuíta (free) e outras de pago (que van dende os 10€/mes ata os 99€/mes), que permiten ligar mais dunha conta por rede social e acceder a unha serie de informes extra sobre as redes. É unha ferramenta moi usada e que sen dúbida, se usas as redes sociais como motor para promocionar o teu negocio, será de moita axuda para ti.

Na súa web www.metricool.com podes crear a túa conta e dar de alta as túas redes e tamén tes dispoñible un titorial completo con todas as súas características e funcionalidades https://metricool.com/es/mega-tutorial-metricool/ e algúns titoriais máis detallados sobre algunhas delas https://metricool.com/es/tutoriales-de-metricool/

Se necesitas asesoramento, sen custe, para o teu negocio neste aspecto, só tes que solicitalo a través do formulario do Igape Responde.

Categorías: Artigos.