É posible que o noso negocio estea a crecer, afortunadamente, a pesar da situación tan difícil que estamos a afrontar. En primeiro lugar, cabe explicar que entendemos por crecer no ámbito empresarial. Podemos dar por válida a idea xeral de que crecer nun negocio significa unha maior dimensión, e esta definila en función das vendas xeradas.
Con todo, non recomendamos fixarnos só nas vendas como referencia de evolución do negocio, especialmente se avaliamos a súa repercusión financeira.
É preferible que nos centremos na evolución da rendibilidade xerada, e sobre todo nos tempos de conversión en liquidez da mesma. Así, nun escenario favorable no que se cobran as vendas antes dos pagos a provedores e terceiros, a rendibilidade podería equipararse á xeración de liquidez do negocio. Neste sentido, esta capacidade de dispoñer de fondos de forma orgánica, permitirá afrontar os pagos financeiros, os pagos comerciais e os correntes de actividade, como nóminas, seguros sociais, etc…
Pero volvendo á análise da xestión das compras, desde un punto de vista financeiro, é moi relevante ter en conta estes aspectos clave:
-O servizo do provedor. Neste sentido, un provedor puntual, serio e orientado ao servizo vainos axudar a dispoñer do produto que precisamos para a produción ou venda no momento adecuado. Iso axudará a non ter que dispoñer dun stock adicional polo si ou polo non non nos entregan a tempo e sufrimos unha rotura de material no almacén. En realidade, ese sobre almacenamento xerouse por unha ineficiencia, neste caso ocasionada por un terceiro.
De igual maneira, se o provedor me trae a mercancía antes do previsto, tamén me verei obrigado a ter nos meus almacéns máis material do necesario, a teor dos fluxos de saída dos mesmos. Este exceso de almacenamento supón unha sobreinversión en materias primas ou produtos terminados para a venda e conleva moitas veces danos no produto almacenado, maiores custos de control, reconto, mantemento etc…
Pode suceder que o noso CAPEX, é dicir, investimento en activo fixo afecto á actividade, estea sobredimensionado pola resultante das ineficiencias agregadas dos meus provedores.
Polo tanto, a puntualidade do provedor é clave desde un punto de vista financeiro.
-O outro punto a analizar é a dependencia dun provedor. Os prezos de compra, e quizais os de venda, poden oscilar, pero desde a dirección trátase de evitar que se perda marxe comercial no reaxuste de prezos. Esixe por tanto un control dos produtos e familias de produtos máis relevantes e estratéxicas e unha xestión igualmente estratéxica.
Neste sentido é recomendable que, a partir dun bo servizo inicial, non caia no deixamento no control que poida levar a un incremento por falta de revisión e seguimento desde o cliente sobre os prezos das compras recorrentes.
A falta de revisión da mesma e ausencia de comparativa de prezos pode significar unha caída das vendas e unha maior concentración de riscos nas compras, con todos os problemas que se derivan diso.
Se necesitas asesoramento, sen custe, para o teu negocio neste aspecto, só tes que solicitalo a través do formulario do Igape Responde.