Axudas a fondo perdido para empresas e autónomos: cando se poden pedir?

As axudas de 11.000 millóns aprobadas polo Goberno o pasado 12 de marzo para axudar ás empresas afectadas pola crise económica xerada pola covid-19 tramitaranas as comunidades autónomas. É un dos puntos incluídos no Real Decreto publicado o pasado sábado, 13 de marzo, no BOE.

A diferenza doutras partidas económicas, trátase de axudas a fondo perdido. Así, dos 11.000 millóns aprobados no Consello de Ministros, un total de 7.000 destinaranse a axudas directas e os outros 4.000 a reestruturación de débeda. Con todo, aínda non é posible solicitalas. No caso da comunidade galega, como no resto das autonomías, haberá que esperar á publicación da convocatoria correspondente no Diario Oficial de Galicia (DOG). En todo caso, explicámosche en que consisten.

 

1.QUEN PODE PEDIR AS AXUDAS?

Autónomos e pemes, con sede social en España, cuxa actividade se viu danada pola pandemia. Poderán beneficiarse até un total de 95 sectores que aparecen no ANEXO I do BOE. Son sectores especialmente afectados pola crise sanitaria. Hostalaría, comercio, transporte e cultura entre eles.

 

2.CAL É A CONTÍA?

Os autónomos que tributen por módulos (réxime de estimación obxectiva) recibirán un máximo de 3.000 euros a fondo perdido. Para os profesionais ou empresas que tributen por estimación directa, a axuda non poderá ser inferior aos 4.000 euros, nin superior aos 200.000 euros

 

3.QUE REQUISITOS HAI QUE CUMPRIR PARA PEDILAS?

Só poden acceder ás axudas do Goberno aquelas empresas e autónomos que cumpran as seguintes condicións:

3.1. Para autónomos que non tributen en módulos e pemes con até dez traballadores:

– Pódense beneficiar da axuda cando a condición de que a caída da facturación fose de polo menos un 30% no ano 2020 e sempre que a empresa ou autónomo rexistrase un resultado neto positivo durante o exercicio económico anterior, é dicir, en 2019. Ademais, o primeiro 30% da caída da facturación non se cobre e a axuda máxima concedida sempre será dun 40% a partir dese 30% de caída.

3.2. Para o resto das empresas: a axuda será do 20% do que supere o 30% de baixada de ingresos.

 

4-. SE PECHA A EMPRESA TEÑO QUE DEVOLVER O DIÑEIRO?

– Si. A concesión das axudas estará suxeita ao mantemento da actividade até xuño de 2022. Pola contra, se un negocio ou empresa pecha antes desa data, deberase devolver o importe total da axuda recibida.

– Os beneficiarios non poderán subir o soldo aos directivos, nin distribuír dividendos, que estean ao corrente dos pagos na Seguridade Social e Axencia Tributaria e que carezan de actividades en paraísos fiscais

– As comunidades autónomas, que serán as administracións que xestionarán as axudas, poderán establecer criterios adicionais.

 

  1. XA SE PODEN SOLICITAR?

– Non. De momento non se abriu o prazo para solicitar as axudas. Hai que esperar a que se publique a convocatoria correspondente no Diario Oficial de Galicia (DOG). A partir de entón, tras a publicación no DOG, a documentación pertinente débese presentar na comunidade autónoma correspondente, no caso de Galicia ante a Xunta. O prazo máximo para recibir os fondos é o 31 de decembro de 2021.

 

  1. COMO SE DISTRIBÚEN OS 4.000 MILLÓNS QUE NON SON AXUDAS DIRECTAS?

Unha partida de 3.000 millóns destinarase a que o ICO poida acompañar os procesos de flexibilización e reestruturación das súas liñas de préstamos.

Unha partida de 1.000 millóns será para recapitalizar empresas medianas e estará xestionada por Cofides, a empresa con capital público-privado controlada polo Ministerio de Industria.

Categorías: Artigos.