As axudas do Bono Enerxía Peme poden solicitarse a partir do 10 de xaneiro

O 10 de xaneiro abre o prazo para solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme.

A nova edición destinará 3 millóns de euros para facilitar a mellora das instalacións enerxéticas dunhas 700 empresas e persoas autónomas.

A que se destinan as axudas?

As axudas cubrirán a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior -incluíndo rótulos e escaparates-, por outros que utilicen tecnoloxía LED; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade.

Ademais, cubirán a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; e sistemas domóticos e inmóticos para xestionar a enerxía e o gasto de forma eficiente.

Por outra parte, mantense a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas.

O programa aspira a mobilizar 7 millóns de euros de investimentos, así como lograr unha redución do consumo duns 3.400 MWh ao ano, unha diminución de emisións equivalente a acción de plantar 51.000 árbores e a creación ou mantemento de 58 postos de traballo.

A intensidade de axuda será do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. A axuda do bono asesoramento enerxético non computa a efectos deste límite máximo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade da presentación de avais.

Esta é a cuarta convocatoria deste programa que, ata o momento, apoiou máis de 2.400 actuacións cunha axuda de 10,17 millóns de € e que pretende reducir os custos enerxéticos de pemes e persoas autónomas.

Á vez, contribúese a aumentar a seguridade das instalacións, mellorar o medio ambiente e proporciónanse as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización.

Ampliar información. 

Categorías: Artigos.