A lei do teletraballo: todo o que debo saber

Durante o confinamento, o teletraballo deixou de ser unha opción e converteuse nunha obrigación para máis de 113.000 galegos, foi a cifra máis alta rexistrada en Galicia, e a comunidade autónoma só estivo dous puntos por baixo da media nacional. A cifra, extraída dos datos da EPA, reflicte unha situación cambiante, unha realidade que pode volver repetirse en función da evolución da crise sanitaria. Con todo, até fai moi pouco, España non contaba con lexislación para regular o traballo a distancia.

Hoxe as cousas cambiaron e desde o pasado 22 de setembro está en vigor a primeira normativa española que regula o teletraballo, que espertou un enorme interese entre responsables de recursos humanos de empresas e tamén entre os traballadores autónomos que teñen ou prevén ter persoal contratado, xa que só o coñecemento detallado da nova norma permitirá aproveitar as súas vantaxes e evitar os seus inconvenientes.

A normativa, aprobada por real decreto e que agora deberá ser tramitada como lei ordinaria no Congreso dos Deputados, non entra en vigor de forma inmediata. En calquera caso, haberá un período transitorio dun ano -que podería ampliarse mediante negociación colectiva até un máximo de tres- para a súa aplicación naquelas relacións laborais xa reguladas por acordo ou convenio colectivo.

Iso significa que só afectará ás novas contratacións formalizadas a partir de mediados do mes de outubro, 20 días despois da publicación do decreto lei do Goberno no Boletín Oficial do Estado, é dicir, o 13 de outubro.

Mínimo, dous días á semana

Con todo, hai excepcións á aplicación da norma. Así, os traballadores públicos non estarán regulados por esta normativa, xa que se prevé unha norma específica para este colectivo na que traballan Goberno e axentes sociais. Até entón, o teletraballo no ámbito da Administración estará regulado polo artigo 13 do Estatuto dos Traballadores.

A nova norma tampouco será de aplicación automática naquelas empresas que nos últimos meses implantasen sistemas de teletraballo por mor da Covid-19. Nestes casos seguirán suxeitas á normativa laboral ordinaria, aínda que deberán dotar aos empregados de medios materiais para realizar o seu traballo a distancia e compensarlles polos gastos nos que puidesen incorrer para manter a súa actividade laboral desde os seus domicilios.

Pero que se considera teletraballo na nova lei? A norma considera teletraballo aquel realizado no domicilio ou nalgún outro lugar diferente do centro de traballo mediante a utilización de medios telemáticos durante polo menos o 30% da xornada laboral nun período de tres meses, o que vén supor un mínimo de dous días á semana. Non se establece un límite para teletraballar, excepto para o persoal en prácticas ou formación, que deberá realizar polo menos o 50% da súa xornada laboral de modo presencial.

En todos os casos, a adscrición ao sistema de teletraballo será voluntaria, tanto por parte da empresa como por parte do traballador, que deberán de plasmar a súa vontade nun documento, e tamén será reversible a vontade de calquera das dúas partes.

Unha das dúbidas que máis xera a nova normativa, que foi aprobada co acordo de patronal e sindicatos, é se o teletraballo supón unha desvantaxe en canto ás condicións económicas. A resposta é non. Os traballadores gozarán dos mesmos dereitos se traballan a distancia ou se o fan de modo presencial e, no primeiro caso, a empresa poderá establecer sistemas informáticos de control da actividade produtiva, aínda que os empregados terán sempre dereito á desconexión dixital fóra do seu horario de traballo. É dicir, quen traballe a distancia deberá ter a mesma retribución conforme ao seu posto e funcións.

Por último, as condicións acordadas cos empregados serán trasladadas pola empresa -sempre por escrito- aos representantes dos traballadores, que serán informados nun prazo de dez días sobre calquera incorporación de persoal ao sistema de teletraballo. En calquera caso, as empresas terán un ano para adaptarse á lei, que concede un gran peso á negociación colectiva.

 

 

 

Categorías: Artigos.