Gañar cartos ou chegar a gañar cartos. Concepto práctico da viabilidade da empresa

Medir a viabilidade dun proxecto é fundamental para saber se unha empresa debe apostar de cheo por ese proxecto. No caso contrario, sería andar ás apalpadelas no mercado e esperar que as dinámicas do mesmo sexan favorables, algo que polo xeral non ocorre sen unha planificación.

Existen diversos métodos ou modelos de valoración de investimentos, que se dividen basicamente entre métodos estáticos e métodos dinámicos.

Comentaremos brevemente os métodos dinámicos, que son os que teñen en conta o tempo dentro dos seus cálculos, é dicir, o momento en que se produce a saída ou a entrada de diñeiro, e polo tanto, o seu diferente valor no tempo.

Para determinar a viabilidade dun proxecto de investimento é necesario calcular o seu VAN (Valor Actual Neto), a súa TIR (Taxa Interna de Retorno) e o payback (o tempo que tardaremos en recuperar o investimento).

Estes tres métodos son complementarios, debido a que cada un deles aclara ou contempla un aspecto diferente do problema. Usados simultaneamente, poden dar unha visión máis completa.

Para que un negocio sexa realmente rendible, o valor do VAN debe ser sempre maior que cero. Isto indicará que nun prazo estimado (por exemplo, 5 anos) poderemos recuperar o investimento que puxo en marcha o negocio e teremos máis beneficio que se dito investimento se puxo a renda fixa.

Se un proxecto de investimento ten un VAN positivo, o proxecto é rendible. Entre dous ou máis proxectos, o máis rendible é o que teña un VAN máis alto.

Un VAN nulo significa que a rendibilidade do proxecto é a mesma que se colocásemos os fondos investidos no mercado cun interese equivalente á taxa de desconto utilizada.

A única dificultade para atopar o VAN consiste en fixar o valor para a taxa de interese, existindo diferentes alternativas.

Como exemplo de taxas de desconto indicamos as seguintes:

  1. Taxa de desconto axustada ao risco = Interese que se pode obter do diñeiro en investimentos sen risco (débeda publica) + prima de risco.
  2. Custe medio ponderado do capital empregado no proxecto.
  3. Custe da débeda, se o proxecto se financia na súa totalidade mediante préstamo ou capital alleo.
  4. Custe medio ponderado do capital empregado pola empresa.
  5. Custe de oportunidade do diñeiro, entendendo como tal o mellor uso alternativo, incluíndo todas as súas posibles utilizacións.

En canto a TIR, fai referencia ao tipo de interese no que o número de VAN é cero. A súa función é sinalar a taxa á cal recuperaremos o investimento inicial do noso negocio transcorrido certo tempo.

O anterior significa que canto maior sexa o TIR, máis rendible será un proxecto. Pola contra, se o seu valor é menor do esperado, quere dicir que se trata dun proxecto pouco rendible e vulnerable ante as taxas de interese de cada momento.

A crítica máis importante deste método, e o seu principal defecto, é a  inconsistencia matemática da TIR cando nun proxecto de investimento hai que efectuar outros desembolsos ademais do investimento inicial, durante a vida útil do mesmo, xa sexa debido a perdidas do proxecto, ou a novos investimentos adicionais.

payback é o número de anos que a empresa tarda en recuperar o investimento. Este método selecciona aqueles proxectos cuxos beneficios permiten recuperar máis rapidamente o investimento, é dicir, canto máis curto sexa o período de recuperación do investimento mellor será o proxecto.

Sendo moi útiles estes conceptos, queremos insistir na idea final clave. Os negocios deben ser rendibles, é dicir, permitir xerar beneficios, (viabilidade económica) e por outra banda, xerar a liquidez suficiente para afrontar as débedas de curto prazo que lles permita chegar a gañar diñeiro no futuro (viabilidade financeira). A capacidade de xerar liquidez é imprescindible para que a empresa poida chegar no futuro á senda dos beneficios. Ámbalas dúas accións son críticas para considerar que unha empresa realmente é viable.

Esperamos que esta breve introdución vos axude a analizar diferentes proxectos.

Categorías: Artigos.