- Empresas de actividades infantís ou autónomos vencellados ao tempo de lecer reciben os primeiros asesoramentos do Igape Responde
- A redefinición dos negocios, a prestación de servizos en liña, ou promoción dixital son algunhas das medidas implantadas nas empresas e autónomos participantes neste programa
- Os próximos eventos virtuais do Igape Responde abordarán a tecnoloxía para manter a actividade, os ERTE ou as ferramentas de tesourería
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2020. Xerar novas fontes de ingresos, manter a actividade en remoto ou captar e fidelizar novos clientes. Son algúns dos resultados que están conseguindo os autónomos, comerciantes e pemes galegas a través do Igape Responde, o programa de asesoramento gratuíto posto en marcha pola Xunta ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización económica.
O centro de ocio infantil Escondite Teens, situado en Vigo, logrou programar novas actividades tras a implantación dunha das medidas do programa, a redefinición do negocio. “Reinventamos a nosa actividade; ante o parón e a falta de confianza provocada pola pandemia conseguimos posicionarnos como un centro seguro”, destaca a súa responsable Raquel Amat, “lanzamos actividades complementarias e as nosas medidas de desinfección e prevención van un paso máis alá do que esixe a normativa”.
Pola súa parte, o entrenador personal Ignacio García obtivo asesoramento para mellorar a promoción en liña dos seus servizos, entre os que están os cursos e rutas de marcha nórdica, as clases presenciais e en liña así como entrenamentos ao aire libre. “A través de Igape Responde conseguín darlle un cambio á paxina web, NG Entrena y Disfruta Vigo, e estou recibindo asesoramento para potenciar o uso das redes sociais”. Con esta medida de promoción en liña, que inclúe a elaboración de contidos dixitais ou deseño e lanzamento de compañas, o seu negocio conseguirá chegar a novos clientes.
A prestación de servizos en liña é outra das medidas que se está implementando a través deste programa de asesoramento gratuíto da Xunta. Concretamente, os autónomos están recibindo apoios na creación de vídeo-titoriais para poder manter a súa actividade. É o caso de Raquel González, monitora de ximnasia de mantemento: “estou adquirindo novos coñecementos para poder proseguir coa miña actividade de xeito virtual”.
Hai negocios relacionados con outros sectores que tamén se están adaptando ao novo contexto económico a través do Igape Responde. É o caso de empresas relacionadas co sector turístico, como o Hotel Val do Naseiro de Viveiro (Lugo) e a axencia de viaxes da Coruña, Candal Tours; ou negocios relacionados coa alimentación, como a cooperativa Tres Fuciños.
O Igape Responde ofrece asesoramento gratuíto en cinco ámbitos: xeral, financeiro, de negocio, operacións ou persoas. Comerciantes, autónomos e pemes galegas poden realizar consultas rápidas ou ben recibir asesoramento en liña. En calquera destes casos é necesario realizar a solicitude a través da web responde.igape.es. Tamén está dispoñible o teléfono 900 815 151 e o enderezo electrónico igaperesponde@igape.es.
De xeito paralelo, o Igape Responde mantén en marcha a súa programación de encontros virtuais, cos que ademais de apoiar ao tecido empresarial, tamén se busca ofrecer formación a comercios, autónomos e empresas. A tecnoloxía e os enfoques que permitiron continuar a actividade das empresas, os ERTES ou as ferramentas de tesourería empresarial son algunhas das vindeiras citas. Os detalles e a reserva de praza debe realizarse a través da web responde.igape.es.