Twitter, o gran esquecido nas empresas: Vantaxes e desvantaxes

Hai xa 14 anos dende que o son dun paxaro atopou o seu oco no mundo das redes sociais: chega Twitter, unha ferramenta que inicialmente se lanzou coa idea de ser un microblog.

Dende a súa orixe, xa son moitos os cambios que a transformaron ate o que coñecemos hoxe en día, aínda que o máis demandado e coñecido foi o momento no que duplicou os seus iniciais, e limitantes, 140 caracteres por tweet, pasando a 280. O menos coñecido pode ser a posibilidade de enviar mensaxes de voz dende móbiles con sistema iOS (algo que xa están solicitando o resto de sistemas operativos móbiles).

Cada unha das redes sociais teñen un obxectivo e característica diferenciadora, ó igual que as empresas, por iso na nosa estratexia de marketing dixital debemos ter moi claro cal é o noso público, se usa esa rede social, e que lle podemos ofrecer na rede. Twitter non se queda fora, pero iso si: non é para “tódolos públicos”.

 

Vantaxes de ter unha conta empresarial en Twitter

O punto forte de Twitter é ser unha das redes sociais nas que mellor se posiciona a nivel SEO, xunto con Facebook.

Ademais poderíamos destacar da súa operativa:

  • Facilidade de manexo: e non só para o uso diario, tamén no momento da creación da nosa conta, xa que é unha das redes sociais que menos requisitos ten.
  • Inmediatez: a información móvese en tempo real, o que fai que sexa idónea para promocionarse e facerse viral pola súa operativa e interacción dos usuarios.
  • Coñecer ós potenciais clientes: ó ser unha rede tan activa fai posible coñecer de preto as persoas que se interesan no nosos produtos ou servizos dunha forma rápida.
  • Distancias curtas: podemos estar en contacto continuo e directo coa nosa comunidade, e obter información moi valiosa para o noso negocio: coñecer gustos e necesidades de forma doada. Tamén permite dar resposta de forma máis áxil que en calquera rede social.
  • Coñecemento das tendencias: os famosos #hashtags permítennos coñecer as necesidades, demandas e tendencias diarias.

 

Ata aquí todo vai ben, pero…tamén ten desvantaxes

  • Inmediatez: efectivamente…aínda que é unha vantaxe tamén está incluída como desvantaxe. O motivo? Se non somos capaces de manter o ritmo constante e incluír novidades, Twitter non é para nos.
  • Exixencia: “vivir” en Twitter, e no fío da inmediatez, obríganos a prestar atención continua das mensaxes, dos comentarios, e das reaccións dos usuarios coas nosas publicacións.
  • Exceso de información: ó ter aceso a tanta información, poder facer que perdamos o foco do noso público obxectivo, por iso é importante empregala tendo moi claras as nosas accións de marketing dixital, como poden ser o ton da mensaxe, o engagement, e traballar na fidelización.
  • Exposición: e isto é quizais o mais evidente: ó estar en “aberto”, teñen acceso tanto clientes, como haters, e a nosa empresa está exposta a críticas, plaxios e reclamacións. Aquí de novo e importante a inmediatez e o saber facer: se cometes un erro na túa comunicación, podes viralizarte negativamente.

 

E se xa empregas Twitter, ollo cos erros máis comúns

  • Obxectivo: seguidores é un erro. O éxito está en chegar ós segmentos que nos interesen, e obter unha comunidade de calidade.
  • Publicar só por manter un ritmo de publicacións: non é a idea. Os tweets que publiquemos deberán ter unha clara estratexia dixital, un contido de calidade que fomente interese entre os usuarios.
  • Programar os nosos tweets: empregar algún tipo de ferramenta pode axudarnos, pero non debemos esquecer que Twitter “quere” que publiquemos “en directo”, e do contrario…non posicionaremos a nosa empresa como esperamos.

Pareceuche interesante? Pois esta é só unha das redes sociais que podes empregar na túa empresa! Se queres coñecer outras ou se tes dúbidas sobre cal é a mais axeitada para o teu modelo de negocio, e precisas axuda, podes solicitar asesoramento, sen custe, a través do formulario do Igape Responde.

Categorías: Artigos.