Como víamos no artigo do boletín anterior, MRP está deseñado para facer dependentes, tanto todos os niveis das árbores de produtos, como a relación entre árbores de produtos rematados diferentes. Isto, no contexto actual de produtos complexos con árbores de produto moi profundas, no que cada empresa fabrica moitos produtos finais con alto solapamento entre eles (materiais intermedios compartidos), provoca o que se chama nerviosismo ou propagación de calquera cambio ó total da programación. Esta é a razón pola cal o MRP se actualiza semanalmente, porque canto máis o actualices peor. O nerviosismo do sistema no contexto actual é tan elevado que se sacas a programación hoxe dirache que desfagas a de onte e se a sacas mañá dirache que desfagas a que fixeches hoxe. Por que?
Imos ver como se transfire esa variabilidade ó total da programación cando as árbores de artigos son dependentes e teñen solapamentos. Esta transferencia de variabilidade en sistemas de dependencias totais como MRP é o que provoca o efecto coñecido como nerviosismo.
Temos so 3 artigos, Produto final 1 (PF1), Produto Final 2 (PF2) e Produto Final 3 (PF3), que están compostos pola súa árbore de produtos intermedios e distintos niveis (PI) e no derradeiro nivel as materias primas (MP). Nun sistema que quere facer todo dependente, que pasa se un cliente vip mete un pedido urxente de PF1 ou simplemente queremos cambiar a cantidade de PF1 por problema de calidade, unha máquina cunha avería, etc.? O que pasa é que ese impacto en PF1 propágase ao longo desa árbore (cambia tódalas cantidades de tódolos compoñentes de PF1 obviamente), mais ao chegar a PI10 que é un artigo intermedio con solapamento ese cambio propágase ó nivel 1 do produto PF2 o que provoca un cambio inmediato de PF2 e todo os seus compoñentes na programación. Por outra parte ó cambiar PF2 cambia PI25 no nivel 2 e inmediatamente se axusta PI25 no nivel 2 do artigo PF3 que ten solapamento tamén co artigo intermedio PI21 polo que o cambio volvese a propagar ás cantidades de PF3 a programar e as dos seus compoñentes. Un cambio nun artigo final ou intermedio pode, polo tanto, provocar o cambio en toda a programación por iso os sistemas MRP no contextoactual son sistemas nerviosos e se o actualizas dentro de dúas horas cambiouche toda a programación que acabas de sacar agora. E agora suma o efecto de producir en lotes, un cambio en cantidades que ademais hai que incrementar ata chegar a un lote mínimo produce un cambio aínda moito máis drástico en tódolos demais artigos finais e intermedios da programación. EXEMPLO AQUÍ.
O sistema é tan absolutamente incontrolable que se chegou a empregar un indicador en plan caricatura que se chamaba incide FedEx. Sacabas o MRP hoxe e aparecíanche mensaxes de “compra inmediatamente tal material para mañá”, mais actualizábalo mañá e ese material que pediras urxente xa non facía falta e facía falta outro urxentemente e o que se medía era a cantidade de caixas de FedEx ou Courier urxente que había no almacén sen abrir. Por esto se deixou de actualizar o MRP diario e pasouse a unha actualización semanal.
Ata no caso improbable de que non teñas ningún problema de calidade, as máquinas sexan perfectas e non admitas absolutamente ningún cambio na programación a ningún cliente, a variabilidade dentro dunha árbore con dependencias amplifícase proceso a proceso (fórmula de Kingman) ao punto de que é imposible que poidas xerar as cantidades que marca o MRP dos produtos intermedios que pasen por unha cadea o suficientemente larga de procesos, o que producirá cambios nas cantidades reais producidas de algún produto intermedio e ese cambio propagarase da mesma forma que acabamos de ver na figura superior cara os niveis superiores e inferiores da árbore, producindo inmediatamente cambios en tódalas árbores que teñan solapamento e cambiando por completo toda a programación igualmente. Así que o remedio actual ante a imposibilidade de manexar o nerviosismo do sistema é desconectar todos os avisos do MRP, actualízalo so unha vez á semana e programar produción e aprovisionamentos con Excel.
No próximo artigo imos ver outro efecto ou dano colateral do nervosismo da programación clásica con MRP baseada en previsións de venta (que como vimos no entorno actual conteñen erros moi importantes) que se chama distribución Bimodal do stock que afecta a maior parte das empresas e as impulsa a xerar stocks de produtos rematados enormes e que, nin así, poden garantir un bo nivel de servizo o cliente.