Sistema de planificación de recursos empresariais: ERPs

Para sobrevivir nesta nova contorna que deben afrontar as empresas, máis dinámica e complexa se cabe, existen todo tipo de solucións tecnolóxicas que as axudarán a mellorar a súa competitividade, reducir os seus custos e a mellorar a calidade dos seus servizos. Unha desas solucións tecnolóxicas son os ERPs.

O termo ERP refírese a “Enterprise Resource Planning”, que significa sistema de planificación de recursos empresariais. Este tipo de programas fanse cargo de distintas operacións internas dunha empresa, dende produción a distribución ou mesmo recursos humanos, é dicir, de todas as operacións das súas principais áreas funcionais.

As principais vantaxes destes sistemas ERP son:

  • Automatización dos procesos da empresa.
  • Dispoñibilidade da información da empresa nunha mesma plataforma.
  • Integración das distintas bases de datos da empresa nun só programa.
  • Aforro de tempo e custos.

Os sistemas ERP son axeitados para todo tipo de empresas, tanto grandes empresas como PEMES, e ademais, grazas aos distintos módulos personalizables, calquera empresa, sen importar os diferentes procesos que teña ou o sector ao que pertence, pode personalizar o seu propio ERP. Hai provedores que se especializan na implantación de certos ERP, xa sexa por produto ou por sector (o que se denomina solucións verticais), conseguindo uns mellores resultados tras a adquisición do ERP, pola súa especificidade e adaptación.

Os principais motivos para contar cun ERP serían os seguintes:

  • Efectividade e produtividade dos usuarios. Os diferentes departamentos comparten información e forma de traballar, o que favorece a capacidade de integración e o traballo en equipo.
  • Unificación dos procesos. Non se necesita un programa de xestión para cada departamento da empresa.
  • Custo de mantemento e licenzas. O custo e os problemas do mantemento increméntanse se se teñen diferentes ferramentas.
  • Ampla visibilidade da xestión. Un software de xestión empresarial integrado ofrece unha visión panorámica de todos os procesos e axuda a unha xestión óptima.
  • Informes de custos e ingresos. O uso dunha única solución facilita a integración total dos datos e a análise destes.

Os sistemas de xestión integrados están, e estarán, cada vez máis demandados polas empresas, e sempre que se escollan baixo unha análise exhaustiva das necesidades reais da empresa, poden constituír un aspecto fundamental para a obtención duns axeitados resultados sostibles no tempo, incluso dunha vantaxe competitiva fronte a competencia.

 

Cales deberían ser os pasos a dar para implantar un ERP?

  1. Identifica as túas necesidades e establece obxectivos: sería responder ás preguntas que necesidades necesito que cubra o meu ERP? que procesos de xestión necesito solucionar?…
  2. Avalía as túas opcións: Investiga no mercado as alternativas que existen. Pídelles a eses potenciais provedores que che expliquen ben as características do seu produto, as condicións dos seus servizos, a súa forma de traballar, os seus prezos e servizos incluídos.
  3. Planifica os tempos, tarefas, requirimentos…: planifica axeitadamente os tempos de implantación e demais aspectos
  4. Configuración e Parametrización: en colaboración co provedor escollido procede á instalación do software e do hardware necesario.
  5. Migración dos datos: a principal característica dos sistemas ERP é que integran os datos procedentes das distintas áreas da empresa, para funcionar en torno ao concepto dun dato único e unha explotación múltiple. Para que isto sexa posible, os datos han de ser correctos e estar todos dispoñibles na plataforma.
  6. Formación: Todo o persoal que fará uso do ERP debe recibir formación, para aumentar o seu coñecemento e experiencia. Débese facer unha xestión axeitada do cambio.
  7. Posta en marcha e soporte á posta en marcha: Estamos xa na etapa final, cando o persoal xa pode facer uso completo da ferramenta, apoiado sempre polo equipo do provedor.
  8. Seguimento e control: Sempre hai posibilidade de mellorar, polo que debemos avaliar continuamente o uso do sistema e as súas posibles melloras.

Algúns exemplos de software existentes no mercado (entre centos de opcións existentes) serían: SAP, SAGE, Microsoft Dynamics 365, Oracle, Odoo, Netsuite, Deltek, Infor, Geinfor, Openbravo, Dolibarr.

Se necesitas asesoramento, sen custe, para o teu negocio neste aspecto, só tes que solicitalo a través do formulario do Igape Responde.

Categorías: Artigos.