Que debo ter en conta para pechar o exercicio 2020?

Achegámonos á data límite para a formulación de contas do peche do exercicio 2020, que corresponde, de forma habitual, ao 31 de marzo.  Pareceunos interesante facilitar algunhas conclusións previas de revisión para a súa formulación, deixando ao carón as comprobacións propias e específicas de cada negocio que marcan adicionalmente os puntos de control.

Asi, é recomendable levar a cabo a revisión dalgúns puntos.  A saber:

En primeiro lugar, é importante a revisión de riscos financeiros, empezando pola dotación das amortizacións.  Sabemos que a amortización  dervia da depreciación, é dicir, a perda de valor do activo (máquinas, oficinas, vehículos…), unha vez valorada.  É entón cando periodicamente, normalmente de forma anual, se dota o gasto por amortización.  Trátase dun gasto que en realidade non pagas a ninguén, pero que contabilizas e que posteriormente podes deducir  fiscalmente (en IRPF, actividades económicas se es  empresari@ individual, ou Impostos sobre Beneficios de Sociedades, se falamos dunha empresa mercantil).

Esta partida que reduce o valor dos beneficios do exercicio, ten unha vertente financeira, unha función.  Esta función consiste en ir dotando unha reserva ano a ano que permita nun futuro dispoñer dun fondo para renovar os activos ao finalizar a súa vida útil.  En realidade, estes fondos deberían estar, por ortodoxia financeira, nuns fondos líquidos e recuperables que permitan afrontar dita renovación do inmobilizado.  O reflexo contable desta dotación atopámola na conta correctora de valor do inmobilizado da amortización acumulada.

Por iso é relevante que se doten todos os anos dita partida, non só polas repercusións sobre a  deducibilidade anual, especialmente nas amortizacións aceleradas, se non porque deriva nunha falta de control e seguimento adecuado do posible risco de  descapitalización a longo prazo para o negocio.

Outro aspecto, desde un punto de vista financeiro que recomendamos é a adecuada  reclasificación das débedas a curto e longo prazo.  É dicir, a peche do exercicio hai que reclasificar a débeda do longo a curto prazo, polos importes que van ser abonados ao longo dos seguintes doce meses.  Desta forma axústanse correctamente os compromisos de pago atendendo ao seu vencemento tal e como indica a norma de elaboración do balance (de menor a maior  exigibilidad).  Especialmente debemos dedicar atención aos préstamos bancarios, concesións administrativas.

Por último, deberiamos revisar as partidas de dereitos de cobranza e de pago no curto prazo, asegurando que reflictan a realidade económica, porque van ser a base da planificación financeira dos próximos meses.

Se necesitas asesoramento, sen custe, para o teu negocio neste aspecto, só tes que solicitalo a través do formulario do Igape Responde.

 

 

Categorías: Artigos.