Plans de motivación laboral: a nova ferramenta para gañar en produtividade

Detrás do incremento de produtividade dunha empresa hai un persoal motivado. É o que reflicten a maioría de estudios sobre Recursos Humanos e, por iso, coidar as relacións persoais coas persoas traballadoras é cada vez máis importante.

Con todo, aliñar os valores da compañía cos do noso cadro de persoal non sempre é tarefa fácil. Como reducir o estrés e ter un elevado nivel de motivación? É tan complicado como parece?

Os plans de motivación do persoal (ou laborais) están deseñados para lograr un excelente rendemento das persoas traballadoras e cada vez son máis as organizacións que os implantan -con independencia do seu tamaño-.  Pero en que consisten? cales son os seus puntos básicos?

 

Que é un plan de motivación laboral? É un documento que permite ás empresas medir o nivel de motivación dos seus empregados e empregadas e aumentalo a través da implantación dunha serie de accións e iniciativas. A maioría das medidas consisten en:

 

  1. Mellorar a atención @s empregad@s para que se sintan únic@s: o papel do líder e/ou cargos intermedios é esencial para lograr un maior rendemento laboral. Valorar o traballo do teu persoal sempre é bo, reforza a seguridade e incrementa a autoestima.

 

  1. Promocionar o traballo en equipo: este aspecto é igual de importante que o punto anterior. As empresas que fomentan o traballo en equipo teñen maiores porcentaxes de éxito.

 

  1. Elaborar un bo plan de incentivos: non sempre ten que consistir en premios ou complementos económicos, ás veces pode traducirse en regalar tempo (días libres) ou experiencias (unha viaxe).

 

  1. Ofrecer flexibilidade horaria: é case un mantra nos manuais de Recursos Humanos do século XXI, unha das mellores ferramentas para motivar ao persoal e, en consecuencia, para reter talento.

 

  1. Dar máis autonomía: traballar a gusto tamén significa ter certa liberdade á hora de desempeñar as túas funcións. As empresas mellor valoradas polos seus traballadores fomentan a autonomía dos seus empregados.

 

  1. Favorecer o crecemento profesional: ter a posibilidade de crecer na empresa é un dos principais factores que se valoran á hora de permanecer nun traballo. Dispoñer de plans de promoción interna sempre é unha boa decisión.

 

Como e quen o desenvolve? Os responsables da empresa ou dos distintos departamentos, en función das dimensións da mesma, son os encargados de elaborar o Plan de motivación laboral. O texto debería estruturarse incluíndo polo menos o seguinte:

– Introdución: onde se expoñerán as razóns que levaron á empresa para realizar un plan de motivación laboral.

– Obxectivos: enumerar os obxectivos que se desexan lograr (reter talento, aumentar a comunicación, mellorar o ambiente laboral…).

– Análise previa: solicitarase información, vía enquisas ou entrevistas, para saber cal é o nivel de motivación do persoal.

– Accións: posta en marcha dos cambios.

Se tes algunha dúbida sobre o teu negocio, podes escribirnos a igaperesponde@igape.es

 

 

 

 

Categorías: Artigos.