A era post-covid está marcada polas restriccións e protocolos de seguridade. Estamos a vivir unha época de incerteza na que é necesario reconstruír a confianza de tódolos públicos. Nos ámbitos dos negocios hai amplas diferenzas no impacto duns e outros sectores, o que provoca tamén unha desigual recuperación. Baixo o termo frozen economy agrupouse aos sectores máis afectados: turismo, transporte de persoas, hostalería ou entretemento.
Dende a declaración do estado de alarma moitas empresas víronse forzadas a aplicar cambios estratéxicos para adaptarse á realidade que a covid-19 impuxo. Aínda así, segundo datos da quinta oleada do Barómetro Covid-19 e Marketing de Good Rebeals, “un 30% das empresas non ten unha estratexia post-covid”.
Cales son os grandes cambios que estamos a vivir? Que están a facer ou fixeron algunhas empresas para adaptarse?
3 grandes cambios: superdixitalización, axilidade e flexibilidade e novos consumidores
A denominada transformación dixital dos pequenos negocios acelerouse, ou polo menos a transición cara o dixital. O comercio electrónico creceu un 300% de media na pandemia. Estase a vivir unha superdixitalización que queda patente no teletraballo, a automatización, a telemedicina… e por suposto no compra en liña e a optimización de todos os activos dixitais das empresas. Este fenómeno conduce a unha economía contact-less, e a necesidade de actualización do talento das empresas para adoptar as novas tecnoloxías. Tamén os consumidores están a cambiar, e seguirán comprando máis a través da rede, polo que é preciso chegar aos clientes estean onde estean, e ofrecerlles a nova experiencia que esperan. Neste contexto, actuar con axilidade e flexibilidade é outra das prioridades as que se suma tamén a aceleración cara a sustentabilidade.
Novos modelos de negocio, novas liñas de negocio ou produtos, novas experiencias e axustes no modelo operativo e comercial, as principais adaptacións das empresas
Xa o vimos durante o confinamento, marcas de automoción fabricando respiradores, empresas textís elaborando material médico, voos de carga en lugar de voos comerciais, servizos de taxi para o envío de paquetes ou apps para identificar establecementos abertos. Foron moitas as solucións innovadoras que se sucederon, e os negocios que souberon adaptarse rapidamente. Recollemos a continuación 10 casos de grandes, pequenas e medianas empresas galegas e de fora que sirvan de exemplo do que está a acontecer.
- Inditex: un referente na adaptación aos cambios. A empresa foi pioneira en poñer a disposición da sanidade a súa rede loxística para axudar. Pero os cambios estratéxicos da empresa foron dende a fabricación de millleiros de prendas para hospitais, ao control de stocks, a redefinición da súa loxística, o lanzamento de campaña cunha reportaxe de modelos nas súas casas, ou a integración total da tenda física e online, a través da súa plataforma dixital Open Platform, na que por exemplo os seus clientes ten a posibilidade de reservar probador.
Novos modelo de negocio:
- Estrella Galicia: direct to consumer (DTC). A cervexeira puxo en marcha un modelo de negocio DTC pasando a vender directamente aos clientes a través dun ecommerce ante a caída das vendas na canle HORECA.
- Volaris: voar cun modelo de suscrición. O sector do transporte a través de avión propón a súa transformación dende un modelo transaccional a outro recorrente de ingresos ao estilo Netflix ou Spotify, ofrecendo un modelo de subscrición para viaxar en avión que lles permita gañar estabilidade de ingresos.
- Amado clínica pediátrica: un paso cara a telemedicina. Un pediatra en Pontevedra anticípase adaptando protocolos clínicos de atención a pacientes e realizando valoracións a distancia e vídeo consultas.
Novos produtos:
- Airbnb: experiencias virtuais de turismo. Meditación con monxes budistas ou viaxes virtuais son as propostas para adaptarse ás limitacións nas viaxes e a caída de turistas. Outros negocios como a cadea hoteleira Room mates decidiron facer test rápidos de antíxenos gratuítos nos seus hoteis antes do check-in, como unha medida para recuperar a confianza dos consumidores. O albariño Paco y Lola tamén apostou por este enfoque sendo a primeira firma vitivinícola de España en lograr a categoría “Excellence” na certificación Global Safe Site.
- Contel: a home office. A empresa adicada ao deseño de interiores de oficina e lugares de traballo, comezou a comercializar o paquete Home Office para instalar na casa o teu espazo de traballo ante o incremento do teletraballo.
- Culturactiva: concertos verticais. Unha empresa galega que ante o distanciamento social reconverteu os seus produtos ofrecendo actuacións itinerantes pola rúas para gozar da música de festas dende ventás e balcóns. Tamén os eventos deportivos, neste caso o fútbol, souberon adaptarse, cun torneo dixital en directo co videoxogo Ou nestes días as festas do Pilar reconvertidas a través dunha ofrenda floral virtual.
- Mr Broc: o produto estrela do 2020. Que as máscaras hixiénicas reutilizables son o novo must deste ano non é un segredo. A galega Mr Broc puxo no mercado un pack con hidroxel para a volta ao cole. Pero son moitos outros os produtos xurdidos para adaptarse ao novo estilo, como unha nova gama de produtos cosméticos da marca Beauté Mediterránea para combater os problemas do uso das máscaras. E todos estes produtos e os do comercio local teñen novas posibilidades en internet grazas a novos marketplaces como Eprox ou dbarrio, os amazon galegos.
Novas experiencias:
- Toys R us: un lugar onde divertirse. Nesta situación outros son os negocios que xa estaban inmersos en cambios como o caso da xogueteira que está a cambiar a un modelo de tenda de experiencias inmersivas e interactivas adaptado a nova realidade, pasando de supermercado a un lugar onde divertirse.
Outros cambios nos ámbitos operativo e comercial:
- Holmes Place: garantir un mínimo de ingresos. A cadea de ximnasios ofreceu aos seus clientes diferentes modalidades de pago e un plan de apoio que lle permitise garantir uns ingresos durante o confinamento. Ademais de pasarse ao formato #HolmesAtHome a empresa seguiu nun contacto directo cos clientes adaptándose a cada cambio. Outros exemplos son os da madrileña Zity ou Avis, no ámbito do car sharing ou o renting, que están a reformular condicións de uso (duración máis larga no alquiler, flexibilización dos contratos) e as tarifas (axustando os prezos) para manter as vendas neste contexto. Ou Deliveroo facilitando o pedido en grupo (especialmente pensado para oficinas) para gañar eficiencia e ofrecendo a o usuario a vantaxe de pagar un só gasto de envío.
Estes exemplos amosan como diferentes empresas, con diferentes tamaños e mercados, e de distintos sectores son capaces de adaptarse á covid-19. En resumo, estamos a ver cambios nas condicións de pago, en novas tarifas, no auxe da exportación, modelos operativos just in time e cero stocks, centros de negocio compartidos, aprovisionamentos conxuntos, innovación en produtos e servizos… e sobre todo novos enfoques no modelo de negocio baseados nas dixitalización.
Cal é a túa prioridade post-covid?
Determina o impacto potencial que a covid-19 pode ter no teu negocio, e para iso analiza o teu sector, estuda as tendenzas, determina a túa capacidade financeira e desenvolve un plan de acción acorde coa prioridade que marques.
Din que a creatividade será a habilidade máis demandada no post-covid. Escoita e adapta o teu negocio, pensa máis aló da supervivencia e pasa xa da resiliencia á reinvención!