Ordenar a miña xestión financeira: separar as finanzas persoais do negocio

Co inicio do novo curso é bo momento para poñernos deberes que impliquen unha mellor organización da nosa xestión empresarial.  Ter o teu propio negocio pode ser unha experiencia moi gratificante, (tamén dura!), pero o certo é que vén acompañada de certos retos, especialmente no que respecta á administración financeira.

É probable que estiveses manexando as túas finanzas persoais durante anos, polo que pode ser tentador aplicar os mesmos principios cando se trata do teu negocio; con todo, non é a mellor solución a longo prazo.

 

Por que é importante manter as miñas finanzas á marxe?

Manter separadas as túas finanzas persoais das empresariais ten moitos beneficios, empezando polo manexo fiscal e a protección persoal.

Ao ter unha conta bancaria empresarial poderás facer un seguimento máis sinxelo de aspectos esenciais como os gastos da oficina, as compras operativas e de inventario, así como dos pagos que recibes e as vendas que realizas. Desta maneira, cando chegue o momento de declarar impostos, terás unha recompilación completa de información exclusivamente comercial, o cal che aforrará moito tempo e evitarache días de estrés.

A separación tamén é fundamental para a túa seguridade persoal, pois utilizar as túas finanzas persoais para apoiar ao teu negocio pode ser unha aposta moi arriscada, xa que podes chegar a perder o teu patrimonio e o da túa familia. É posible que, ao comezo, cando a túa empresa careza dun historial crediticio, teñas que recorrer ás garantías persoais, pero o teu obxectivo debe ser evitalo tanto como sexa posible. Para iso é fundamental crear un sólido historial de crédito empresarial.

Por outro lado, se cargas á conta da túa empresa os teus gastos persoais, estarás restándolle operatividade, non poderás reinvestir e diminuirás as ganancias que o negocio necesita para traballar de maneira sustentable. Ademais, corres o risco de ter que utilizar o teu propio diñeiro para liquidar os problemas que creaches.

 

Recomendacións para separar as túas finanzas persoais das do teu negocio

-Identificar e separar os teus gastos persoais dos do teu negocio. Este paso, ademais de axudarche a visualizar os teus gastos, vaiche permitir avaliar se podes reducir, optimizar e mesmo eliminar algúns deles.

-Elaborar un sistema simple que permita controlar os teus ingresos e gastos. Elaborar unha ferramenta sinxela de control do negocio como pode ser un plan de tesourería. Os negocios fanse rendibles desde o volume de vendas, pero tamén desde o control de custos e o manexo eficiente dos recursos.

-Abrir contas bancarias separadas e utilizalas de maneira correcta. Poderás visualizar claramente o fluxo de efectivo, saber cal é a túa realidade financeira e coñecer o diñeiro que entra e sae do teu negocio permíteche ter o control do mesmo. Non “subvenciones” o teu negocio coa túa economía persoal, faino autosustentable canto antes.

-Asígnate un soldo. Debes contar con salario concreto e incluílo na estrutura de gastos do negocio.

-Atopa o punto de equilibrio do teu negocio. Unha vez definida a estrutura de custos, resultará sinxelo determinar cal é o nivel mínimo de vendas para que o teu negocio sexa sostible. Saber cal é o teu punto de equilibrio darache enfoque nun primeiro obxectivo, cubrir custos, incluído o teu soldo.

Polo tanto, o feito de separar as finanzas persoais das da túa empresa é unha práctica esencial para a xestión financeira efectiva e tamén para o cumprimento legal. Axuda a evitar problemas, simplifica a toma de decisións e permite un control máis eficiente dos recursos.

 

Categorías: Artigos.