O pixel de Facebook: que é, e por que o preciso na miña web

A estas alturas, todos somos coñecedores da importancia da nosa presenza nas redes sociais, a importancia de ter un contido de calidade, de traballar a mensaxe que enviamos ós nosos seguidores e público.

Do que moitos non son tan coñecedores, é do impacto que teñen tódalas súas accións nas redes sociais e na súa web. Cantos visitaron a nosa web? A nosa publicidade foi satisfactoria? Ó meu público obxectivo, interesoulle?

As accións que levamos a cabo, ademais de tempo, requiren ter un control e seguimento para poder tomar as accións necesarias de cara a continuar nesa liña ou modificar a nosa estratexia cun novo enfoque.

E aquí ven unha das ferramentas máis empregadas, e que toda empresa debería ter na súa web: o pixel do Facebook (si, chámase pixel pero é algo máis ca un pequeno pixel).

 

Que é o pixel do Facebook?

A definición xenérica podería ser “Código de seguimento das conversións web”, pero igual é moi técnica. Imos deixalo en que é unha sinxela, pero potente, ferramenta de análise que permite recompilar información sobre as accións dos nosos anuncios do Facebook e coñecer a conversións das mesmas na nosa web.

Coñecer esta información, permítenos mellorar os nosos anuncios e que sexan máis efectivos e visualizados polo noso target.

 

Tipos de publicidade no Facebook

Un dos primeiros pasos, é sen dúbida coñecer os tipos de publicidade que podemos lanzar dende o Facebook e coas que podemos empregar o Pixel:

  • Promocionar a túa páxina de Facebook: como o seu nome indica, o obxectivo é conseguir máis seguidores. A maior número, máis impacto e a máis usuarios chegarán as nosas publicacións.
  • Obter máis clientes potenciais: Realizar un anuncio no que os usuario deixen os seus datos de contacto (poderemos elixir entre teléfono, mail, dirección, data de nacemento, xénero, cargo ou nome da empresa).
  • Promocionar unha publicación: mellorar a visibilidade dunha publicación concreta para que chegue a máis usuarios.
  • Recibir mais mensaxes: Anuncio no que invitaremos ós usuarios a que nos envíen unha mensaxe directa a través do Facebook, sobre todo cando queremos dar máis información personalizada.
  • Promocionar a túa empresa na túa zona: Promocionaremos a nosa empresa entre o público dunha zona determinada, dándolle indicacións de como chegar ate o noso negocio. É interesante cando o teu servizo é sobre todo presencial.
  • Conseguir mais visita no teu sitio web: Invitamos ó público obxectivo a que faga clic nun enlace, habitualmente o da nosa web. Pódese empregar para ampliar información ou, por exemplo, para promocionar un produto concreto e facilitar o acceso ó mesmo ó noso target.

 

Como funciona?

O pixel enlaza o noso anuncio coa nosa web a través dun código que debemos enlazar. Unha vez instalado, o pixel monitoriza como os usuarios interactúan coa nosa web dende o anuncio do Facebook, facendo sinxelo coñecer os hábitos dos usuarios nas súas visitas á nosa web.

Desta forma, saberemos se a campaña é un éxito, ou se deberemos modificar o público ó que nos diriximos (a nosa audiencia) antes de continuar: a súa localización, estudos, os seus gustos, hábitos e intereses.

 

Eventos do Facebook Pixel

Segundo cal sexa o obxectivo da publicidade, podes empregar o pixel para recompilar datos sobre o que chamamos eventos. Deberemos decidir previamente que acción desexamos que realice a nosa audiencia. Estas acción poden ser eventos estándar, ou personalizados. Entre os eventos estándar mais destacadas (existen un total de 17), podemos destacar:

  • Mercar: a mais desexada, que o usuario que ve o anuncio se transforme nunha venda.
  • Completar rexistro: que o usuario cumprimente un formulario de rexistro na nosa web e que así aumentemos a nosa base de datos de potenciais clientes.
  • Agregar á lista de desexos: que o usuario agregue á súa lista de preferencias os nosos produtos para futuras compras.
  • Ver contido: que o usuario prema e visite unha páxina web concreta.

Pareceuche interesante? Pois esta e só unha das ferramentas que podes empregar para analizar o impacto das túas campañas nas redes! Se queres coñecer outras formas ou se tes dúbidas sobre como funciona o pixel, e precisas axuda, podes solicitar asesoramento, sen custe, a través do formulario do Igape Responde.

Categorías: Artigos.