O meu negocio volve estar pechado, que podo facer? Exemplos prácticos (parte II)

Hai uns días celebrábanse as eleccións presidenciais dos Estados Unidos. Kamala Harris, vindeira vicepresidenta do país, no seu primeiro discurso, facía mención a súa posición como a primeira muller en chegar ao posto, pero non a derradeira. Abrindo así, un camiño de posibilidades. No escenario covid, hai negocios que volven estar pechados, e quizás non sexa a derradeira vez, mais neste contexto incerto tamén existe un espazo para que autónomos e empresas galegas atopen novas posibilidades e sigan adiante.

 

As principais estratexias: novos modelos de negocio dixitais e venda na internet

Son diferentes as posibilidades e os cambios que están incorporando as empresas, compartimos algúns dos exemplos que máis se repiten.

Empresas que chegan a novos clientes. Casos como Tres Fuciños que comezaron a vender a través de WhatsApp ao consumidor final, ou Ganadería Hermanos Cortina, que implantou a venda directa a través da rede. Ampliar a novos segmentos ou evolucionar a un modelo de negocio dixital, poden ser unha das estratexias para seguir xerando ingresos no teu negocio.

Produtos dixitais. Ximnasios con clases en liña en directo e plataformas de acceso a contidos gravados para entrear. Como son o caso de Vikika e o seu ximnasio Entrena Virtual, xurdido no confinamento ou CTS Crossfit Vigo.

Ao longo deste ano, as buscas de “entrega de alimentos” aumentaron un 35% en comparación con 2019. Os consumidores adaptáronse ao contexto imposto, e as empresas tamén o deben facer. E así está sendo, restaurantes con carta en liña e comida a domicilio. Son moitos os establecementos que viron no delivery a súa forma de continuar vendendo. Pero non só eles, a panadería pontevedresa Pumpernickel puxo en marcha o take away, e a plataforma Tappers.es fai chegar tamén a comida ao teu domicilio. Onte a discoteca madrileña Joy Eslava anunciaba que se transformará nun restaurante con espectáculos. Neste caso estamos falando de como a través da redefinición do negocio, para adaptarse ao contexto que está a vivir o ocio nocturno, pode atoparse unha vía para continuar.

O sector do comercio ao miúdo e empresas artesás tamén están cada vez máis presente na venta dixital. Como a Mercería Edelweiss, un caso de éxito na venda a través de Instagram.

Os negocios están a atopar en internet unha oportunidade para seguir. Pero existen outros exemplos de diferentes accións e estratexias para adaptarse. Por exemplo, a empresa suiza On running está a ofrecer unha subscrición polo uso das zapatillas de correr que te renovan ao chegar aos 400 km.

Restaura a relevancia do teu negocio, escoita ó mercado e impacta aos teus clientes

quecovid.es é unha web xurdida para solucionar o problema que como cidadáns vivimos ante a continua actualización da información sobre as restricións da covid. É sinxela e responde a unha pregunta, Que podo facer? Introduces o teu código postal e accedes as restriccións vixentes.

Esta iniciativa é exemplo da axilidade e flexibilidade que han de incorporar os negocios para adaptarse ás condicións cambiantes. Pero as claves para seguir funcionando non só están no ámbito do negocio, a parte financeira xoga un papel destacado. Replanificar as débedas ou obrigas fiscais, conseguir liquidez, buscando financiación, negociando as condicións bancarias, ou xestionando o cobro das operacións comerciais son tamén accións clave que están a aplicar as empresas para a súa supervivencia.

Se te perdiches a anterior recompilación de boas prácticas de negocios que se adaptaron a nova situación, accede ao artigo e descubre o que fixeron Inditex, Airbnb, Paco y Lola, Room Mates, Estrella Galicia ou Amado clínica pediátrica, entre outros exemplos.

Dende Igape Responde, poñemos a túa disposición un grupo de expertos nos ámbitos financeiro, negocio, comercial ou na promoción en internet para axudar ao teu negocio a adaptarse a este situación e xerar ventas e manter a situación económica. Cubre a solicitude en liña para acceder ao asesoramento gratuíto do ámbito negocio ou financeiro do programa Igape Responde. Fai clic aquí!.

Categorías: Artigos.