O cooperativismo é un movemento en auxe que xorde ante as necesidades das persoas, sendo unha peza importante no desenvolvemento económico e social das comunidades nas que esta forma de negocio realiza a súa actividade.
A Real Academia Galega (RAG) define o cooperativismo como un sistema de organización económica baseado no agrupamento dos traballadores e dos medios de produción en cooperativas.
No ano 1844, en Rochdale (Inglaterra), logo da gran revolución industrial, un grupo de traballadores procedentes da industria téxtil decidiron unirse para loitar xuntos contra as pésimas condicións laborais e os baixos salarios co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida.
Así, este grupo de artesáns reuniu o capital necesario para crear a primeira cooperativa moderna de consumo, coñecida como a Sociedade Equitativa dos Pioneiros de Rochdale. Ao mesmo tempo, fundaron os primeiros principios cooperativos, que máis tarde a Alianza Cooperativa Internacional modificaría e adoptaría.
Hoxe en día, as cooperativas réxense por sete principios:
- Adhesión é aberta e voluntaria, sen discriminación de ningún tipo
- Os propios socios/as son os que xestionan democraticamente a cooperativa
- Os/as socios/as participan economicamente
- Son organizacións autónomas e independentes
- Forman e capacitan aos seus membros/as
- Fomentan a cooperación entre cooperativas
- Están comprometidas coa comunidade
Con todo isto, tamén podemos definir ao cooperativismo como un movemento que xorde ante as necesidades económicas e sociais das persoas. É traballo en equipo, unir forzas con outras persoas para alcanzar uns obxectivos comúns dentro do marco da economía social.
As cooperativas son importantes para o desenvolvemento económico e social da comunidade na que realizan a súa actividade. Son sociedades xeradoras emprego que manteñen o capital financeiro na súa localidade e buscar mellorar a calidade de vida, tanto dos seus membros como da sociedade en xeral.
Se tes dúbidas ou precisas axuda coa túa cooperativa, podes acceder ao asesoramento gratuíto de Igape Responde cubrindo este formulario.