IFI INNOVA, financiamento para proxectos innovadores ata o 31 de outubro

Ante a situación de alza de tipos de intereses, os préstamos IFI INNOVA poden ser unha ferramenta a ter en conta á hora de buscar financiamento para aqueles proxectos que teñan un compoñente innovador.

É este un apoio público en forma de préstamo. A axuda atópase na diferencia de tipos de xuro en comparación cun préstamo na banca comercial, é dicir, no  aforro de carga financeira respecto dun préstamo alternativo que poderían obter no mercado.

Así, a Xunta pon á disposición das pemes liñas de financiamento directo que melloren o seu acceso ao crédito e faciliten a execución de proxectos de investimento na comunidade autónoma, convocando un programa de préstamos dirixido a proxectos innovadores, para os que as incertezas e riscos de implantación característicos deste tipo de proxectos, xunto co seu especial interese na competitividade do tecido produtivo, fan máis intensa a necesidade de apoio público.

A quen está dirixido o programa?

Estará a disposición das pemes que teñan proxectos innovadores especialmente as de base tecnolóxica e start-up, pero tamén aquelas que, a pesar de ter unha traxectoria contrastada, desexan emprender proxectos innovadores.

Para que pode empregarse o diñeiro?

Os fondos do préstamos deben ir destinados a financiar activos tanxibles e intanxibles e gastos de desenvolvemento e innovación. Así, poden empregarse para:

  • Compra de bens de equipamento, instalacións técnicas, equipamentos para procesos de información ou datos, instrumental, útiles, moldes, etc…
  • Adquisición de patentes adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas a prezos de mercado, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual.
  • Para software específico necesario para o proxecto.

Ademais, dentro da categoría “gastos de desenvolvemento e innovación, poderanse incluir custos de investigación contractual e custos de consultoría ou outros servizos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, materiais e consumibles necesarios para o desenvolvemento do proxecto e gastos de persoal dedicado ao desenvolvemento do proxecto (investigadores, desenvolvedores técnicos e demais persoal auxiliar).

O importe mínimo do préstamo, 50.000 euros

Sumando os importes destes conceptos debe acadarse un custo financiable superior a 71.500,00 €. Deste importe, o préstamo de Igape suporá un 70% como máximo. Hai que ter en conta que o importe mínimo dos préstamos para conceder será de 50.000,00 € e o máximo de 500.000,00€.

Prazos

Polo que respecta ao prazos de amortización e de carencia, o prazo de amortización será un máximo de 12 anos, incluíndo unha carencia na amortización do principal adaptada ás características do proxecto e ao seu plan financeiro, cun máximo de catro anos.

A axuda ten o que se denomina efecto incentivador, é dicir, o proxecto non pode estar iniciado no momento en que se presenta a solicitude.

Esta ferramenta estará disponible para que as empresas o soliciten ata o 31/10/2022.

Se tes algunha dúbida ao respecto, atendémoste a través do formulario do Igape Responde.

 

Categorías: Artigos.