Exemplos de estándares de alto rendemento. Caros? Parte 2

No boletín anterior tratouse o uso de xestión visual nos trens e no metro xaponeses, vexamos agora máis estándares da xestión visual:

  1. Xestión visual aplicada a un estándar de seguridade: non chega con poñer en carteis que non poñas os pés na separación entre dous chanzos das escaleiras mecánicas porque podes ter un accidente e mancarte. As zonas onde debes poñer os pés están perfectamente delimitadas e a separación entre chanzos móstrase en dúas cores diferentes para que saibas con total precisión cal é exactamente a zona de perigo.

 

  1. Unha anécdota para ilustrar como a xestión visual é unha parte tan intrínseca do país que lles estrañan algúns tipos de preguntas por obvias. O chegar a Kanazawa, dannos o mapa de autobuses, onde hai dous buses que fan recorrido circular e che comunican cos do centro. Reprodúzovos esquematizada a conversa coa rapaza que vendeu o bono do autobús:

 

  • …e dende aquí o mellor é que collades a liña verde e vos baixedes no mercado de Omicho, é unha zona moi bonita de ver.

 

  • Aha, e como sei cales son os autobuses da liña verde?

 

  • Porque son verdes (con cara de estrañada por recibir unha pregunta tan obvia…por iso se chama así, senón que sentido tería chamala así e pintala con liñas verdes no mapa).

 

  1. Cero ambigüidade nas máquinas expendedoras: hai máquinas expendedoras por todas partes e como sempre, a xestión visual resolve as túas dúbidas, neste caso sobre a temperatura do que estás mercando. Fondo vermello significa que a máquina serve a bebida quente, fondo verde significa que a serve do tempo e fondo azul que a serve fría.

 

  1. Problemas co idioma á hora de escoller o prato? Tódolos restaurantes acompañan de fotos os seus menús e bastantes deles usan unha reprodución exacta do prato que vas pedir.

 

  1. Ata onde levan os estándares e a xestión visual para apoialos? Pois ata che indican como debes agardar polo ascensor: zona verde é zona prioritaria, xente con carriños de bebé, xente maior, etc. Zona laranxa é zona de espera normal e como sempre indican que deixes o centro libre para que as persoas que baixan do ascensor non se atopen con obstáculos e por suposto, o respectan escrupulosamente, porque os formaron dende pequenos en que os estándares están aí para axudarlles e a xestión visual lles dirá de forma precisa como seguir o estándar.

 

  1. Moverse en Tokio, unha odisea? Normalmente camiñar polas zonas céntricas das grandes cidades é unha aventura con xente que vai e vén pola beirarrúa. A primeira sorpresa que te levarás en Tokio é que moverse polas zonas cheas de xente é rápido e non te toca ninguén. En canto alguén sae á beirarrúa, colócase á esquerda inmediatamente formando dous precisos carrís, un de ida e outro de volta que absolutamente ninguén se salta. A disciplina para seguir os estándares e a convicción de que son bos para todos e ninguén debe saltalos fai que camiñar polas rúas con miles de persoas resulte totalmente fluído.

 

  1. Os estándares son para as cidades. Nada máis lonxe da realidade, os estándares e a xestión visual son os teus compañeiros de viaxe alá por onde vas en Xapón, así que mantén os ollos ben abertos porque aparecerán onde menos os agardes. Nunha aldea de 200 habitantes teñen dous coches (seguramente un vermello e un verde) e teñen marcado no chan a liña na que ten que aparcar cada un deles. Cero ambigüidade, amor pola precisión.
Categorías: Artigos.