Estrutura e etapas da planificación estratéxica na empresa

A planificación estratéxica é a ferramenta utilizada polas empresas como un proceso sistemático que permite o desenvolvemento e a implementación de plans, co propósito de alcanzar os obxectivos que se propuxeron.

Deste xeito, poderíanse definir as seguintes catro etapas na planificación estratéxica da empresa:

 

Fase de establecemento da visión, misión e valores da empresa

Por unha banda, a visión é un enunciado que nos sinala cara a onde queremos levar a empresa no futuro, ou que é o que queremos chegar a ser como organización. Responde á pregunta que queremos ser?

Por outra banda, a misión indícanos cal é o propósito da existencia da empresa, a pregunta que nos faremos neste caso é cal é a razón de ser da empresa?

Os valores representan as crenzas e os principios que rexen as actividades da empresa, favorecen que se xere unha imaxe positiva da empresa e confírelle a súa propia identidade.

 

Fase de análise estratéxica

A análise estratéxica ten que ser capaz de proporcionar á empresa información sobre que atributos, servizos, produtos, prestacións, utilidades, etc., a dotan de vantaxes diferenciais, perceptibles e valoradas polos consumidores, para conseguir que eses potenciais consumidores se decidan pola compra do produto ou servizo da empresa fronte aos da súa competencia. Débese realizar unha análise interna e unha análise externa. Farase con dous alcances:

Análise interna: Análise da empresa, os recursos, os activos e os aspectos funcionais da empresa (dirección, produtos/servizos, finanzas, aspectos comerciais e márketing, calidade, recursos humanos, etc.)

Análise externa: Debe desvelar información sobre aspectos como a competencia actual, o nivel de tecnoloxía utilizada, en que medida afecta a situación económica á actividade da empresa, a demografía, os valores sociais,… e en xeral calquera aspecto do entorno que deba ser tido en conta polo seu efecto na actividade da empresa.

Fase de Definición estratéxica

Nesta fase a empresa debe definir cales son os seus obxectivos e cales as estratexias que vai seguir para alcanzalos: debe a empresa perseguir unha estratexia de liderado en custes, de diferenciación ou de enfoque?; débese considerar a dimensión actual, crecer, reducir a actividade ou segregar algunha unidade de negocio?; Cales deben ser as estratexias de prezos, de marca e imaxe dun produto ou servizo, de canles, de provedores e recursos, de distribución, etc.?

Etapa de programación, orzamento e control das accións

Esta etapa consiste na elaboración por escrito do Plan Estratéxico. Recolle non só as conclusións de todas as etapas anteriores, senón o programa detallado das estratexias e das actuacións a por en marcha para alcanzar os obxectivos sinalados, así como os instrumentos ou ferramentas de control de resultados.

 

Se necesitas asesoramento neste aspecto, podes contactar con nós a través do formulario do Igape Responde 

Categorías: Artigos.