Favorecer a conciliación no traballo é un dos puntos básicos de calquera plan de igualdade, que desde o pasado ano son de obrigado cumprimento para as empresas con 50 persoas traballadoras ou máis.
Aínda que polo momento un gran número de pemes están exentas desta esixencia legal porque non se atopan nese tramo en canto a tamaño e, polo tanto, non necesitan establecer protocolos de conciliación, cada vez son máis as empresas que optan por facelo. Cal é a razón? Pois que implantar este tipo de políticas é positivo para o negocio por moitos motivos entre outros porque mellora o clima laboral, conséguese un maior rendemento e compromiso do persoal e isto tradúcese nun aumento da produtividade.
Agora ben, non existe un tratado universal sobre o protocolo de conciliación perfecto porque as medidas que dan forma a este tipo de documentos deben adecuarse ás circunstancias de cada empresa. O seu éxito radica na personalización. Con todo, existen unha serie de pasos a ter moi en conta:
Primeiro: escoitar
É necesario falar con cada persoa traballadora para identificar cales son as súas necesidades e saber as medidas a aplicar. Escoitar ao persoal é indispensable para establecer un diagnóstico, para coñecer que necesitan os traballadores e as traballadoras para conciliar a súa vida profesional coa persoal e se esas necesidades son compatibles coa empresa.
Segundo: implantar medidas
Aínda que cada empresa é un mundo, hai unha serie de medidas en favor da conciliación que son comúns na maioría das empresas. Algunhas delas son:
-Flexibilidade horaria tanto á entrada como á saída do traballo.
-Realizar as formacións dentro do horario laboral
-Traballar por obxectivos
-Dispoñer dun banco de horas
-Ofrecer facilidades a quenes teñen ao seu cargo persoas dependentes
-Eliminar as reunións fóra do horario de traballo
-Posibilidade de collerse unha excedencia sen soldo.
Terceiro: comunicar o protocolo e velar polo seu cumprimento
Unha vez redactado o documento, debe darse a coñecer ao persoal e, por suposto, realizar un seguimento das medidas do protocolo. Cómpre avaliar, con certa regularidade, a efectividade das medidas de conciliación laboral, e axustar a política no caso de que fose necesario. Para iso, podes empregar enquisas que inclúan preguntas como estas: estás satisfeito/a coas medidas de conciliación?, mellorou o equilibrio entre o teu traballo e a vida persoal?, que melloras suxires?
En definitiva, mantén unha comunicación aberta co teu cadro de persoal para garantir un equilibrio entre o traballo e a vida persoal.