Cando poñemos en marcha unha actividade ou iniciativa empresarial, un dos primeiros pasos formais en moitas ocasións, é a constitución dunha sociedade ou a alta de autónoma/o.
Para poder realizar esta alta da forma máis áxil e económica posible existen os denominados Puntos de Atención ao Emprendedor (Puntos PAE).
Os Puntos de Atención ao Emprendedor (PAE) son portelos únicos electrónicos ou presenciais, a través dos que se poden realizar trámites para o inicio, exercicio e cesamento da actividade empresarial.
Os PAE encárganse de facilitar a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de información, tramitación de documentación, asesoramento, formación e apoio ao financiamento empresarial.
Que supón isto? Que se quero dar de alta unha empresa (só estas formas xurídicas: Sociedade de Responsabilidade Limitada -a máis habitual, tamén denominada SL-, Sociedade Limitada de Formación Sucesiva ou Sociedade Limitada Nova Empresa) ou darme de alta de autónoma/o podo acudir a estes puntos xa que mo farán da forma máis áxil e económica posible.
Os PAE poden depender de entidades públicas ou privadas, colexios profesionais, organizacións empresariais ou cámaras de comercio. Entón ¿Onde podo atopar un punto PAE? Hai un buscador de puntos PAE na súa páxina oficial, e as oficinas do IGAPE tamén son puntos PAE.
Todos os puntos PAE prestan os mesmos servizos?
Non todos os puntos PAE prestan os mesmos servizos. Debe informarse no punto PAE correspondente ou que escolla se presta o servizo en concreto que vostede necesita.
Teño que ir presencialmente?
Os trámites pódense facer de forma presencial ou por vía electrónica.
Que custes aproximados ten dar de alta unha Sociedade de Responsabilidade Limitada – SL (a forma xurídica máis habitual)?
Se vai constituír unha Sociedade de Responsabilidade Limitada (ou unha Sociedade Limitada de Formación Sucesiva), debe solicitar unha certificación negativa do nome da sociedade ao Rexistro Mercantil antes de crear a súa empresa (este trámite ten un custe duns 16,00€). O custe dos gastos de Notaría e Rexistro Mercantil alcanzará sobre uns 150,00€ (cantidade que pode ser un pouco superior ou inferior, dependendo de cada caso).
Que documentación e información é necesaria? Isto tratámolo nun artigo que pode consultar aquí.
E se necesitas un asesoramento directo e gratuíto neste ámbito, podes solicitalo a través do noso formulario.