Os custos operativos das empresas aumentan semana tras semana desde mediados do pasado ano, cando a inflación comezou a despegar. Tanto as compañías comercializadoras, que viron incrementar os prezos de compra das súas mercadorías, como as máis enfocadas a procesos de manufactura, que experimentaron un espectacular incremento nos seus custos de produción, tentaron amortecer o efecto deses maiores custos respecto aos seus prezos de venda nun afán de evitar a contracción da súa demanda.
Dado os incrementos sufridos polos custos enerxéticos nestes últimos meses, contabilizando unha subida interanual do 340 % no prezo do gas entre xaneiro e abril de 2022 por poñer un exemplo, os sectores máis intensivos en consumo de enerxía tiveron que facer fronte a unha forte presión nas súas marxes para non perder competitividade e evitar que a súa demanda de produto se resentise en exceso, dada a elevada competitividade á que están expostos estes mercados, máis vinculados coa industria de primeira transformación.
Os incesantes problemas relativos ao aprovisionamento de certas materias primas, así como as interrupcións de subministración de determinados consumos intermedios vitais para o desenvolvemento de sectores industriais estratéxicos, acabaron por contraer a súa oferta, o que supuxo un incremento do prezo de cotización destas materias a nivel global.
O sector agrícola e o da alimentación, un dos máis castigados, viuse na necesidade de ter que repercutir nos seus prezos os incrementos de custos para non entrar en terreo negativo na súa Conta de Resultados e que iso non representase o inicio dunha fase de descapitalización no seu negocio.
O aumento xeneralizado de prezos que se está producindo nun gran número de produtos na economía está a elevar o grao de competitividade en canto á procura de novos produtos sustitutivos ou emprazamentos aos que poder acudir e, así, minimizar o impacto económico desas subidas. Isto pode inducir a que se produzan subidas coordinadas entre os diferentes produtores para non perder cota de mercado, aínda que isto, presumiblemente, sucederá en sectores nos que a colaboración implícita entre os axentes do mercado sexa posible.
O actual contexto económico lévanos a pensar que os mercados poderían contraerse nos próximos períodos, polo que a rotación das vendas tenderá a reducirse, deixando á marxe de vendas como a única alternativa coa que poder contrarrestar a menor rotación das vendas e, así poder manter a rendibilidade económica nas empresas, axudándoas a continuar no terreo da viabilidade.
Outra alternativa consistiría en optimizar a nosa estrutura de gasto en canto ao feito de poder prescindir de aprovisionamentos que non acheguen valor ao negocio mediante a elaboración dun orzamento de gastos, apoiándose nunha correcta planificación, unha política de compras que eliminase intermediarios ou a creación de posibles alianzas con outras empresas coas que establecer sinerxias e conseguir reducir os custos de explotación.
Se a túa empresa necesita asesoramento no ámbito financiero, podes solicitalo a través do formulario do Igape Responde.