Como fago que se cumpran os estándares? Metodoloxías opostas con mesmos resultados?

A queixa máis estendida cando se aborda un proxecto Lean é que ninguén segue os estándares e ninguén participa para melloralos día a día. O proxecto comeza con moitas ganas e incluso, moitas veces, con inversións en persoal externo de apoio e formación, pero rapidamente o proxecto decae, a xente deixa de seguir os estándares e polo tanto morre a participación para melloralos, ate que en poucos meses o proxecto tamén morre e queda abandonado en esquinas en paneis que xa ninguén usa.

Imos ver con exemplo as dúas metodoloxías totalmente contrapostas, en forma de caricatura da realidade, que usan dous países para que a xente siga os estándares.

En Alemaña e Xapón (seguramente en moitos outros países tamén), cando se produce  unha emerxencia nunha estrada (accidente, neve, etc.), a xente sitúase rapidamente ás beiras da estrada deixando o centro totalmente despexado para que poidan acceder ao lugar da emerxencia os servizos de axuda (ambulancias, policía, quita neves, …).

Temos un estándar que di “ante unha situación de emerxencia deixa o centro da calzada libre para que accedan os servizos de urxencia” e tanto xaponeses como alemáns o comprenden con total precisión. A sociedade emprega con eles dúas metodoloxías totalmente opostas pero que producen exactamente o mesmo resultado, respecto escrupuloso e instantáneo ao estándar.

Faremos unha caricatura inxustamente esaxerada, para amosar extremos, comparativa.

  • Como o fai Xapón? Educación e formación dende preescolar. Día tras día adoutrinan en que os estándares son bos para todos e todos debemos de respectalos. Explicando unha e outra vez o porque da existencia dese estándar, incluíndo preguntas nos examines dos nenos sobre compresión do por que da existencia dese estándar, para comprobar que todos e cada un deles entendeu perfectamente a súa importancia e valor para a sociedade e para eles mesmos se son os involucrados na emerxencia.
  • Como o fai Alemaña? Coerción. Temos un estándar e se cumpre, porque se hai unha emerxencia e o teu coche bloquea o paso da ambulancia, da policía o dun quita neves, cáeche unha multa que non  chega o soldo dun ano para pagala, ademais de incorrer nun delito penal por obstrución os servizos de emerxencia que pode levarte varios anos o cárcere.

En ambos casos, o resultado é o mesmo, ante unha emerxencia tódolos condutores deixan o carril central libre para os servizos de emerxencia, pese a que o camiño seguido para conseguir ese resultado é totalmente oposto.

O mesmo ocorre nas empresas cando abordan un proxecto Lean. Un proxecto Lean exixe que todo o equipo, dende a primeira ate a última persoa se comprometa co cumprimento e mellora dos estándares, dende os máis sinxelos de orde e limpeza ate os máis complexos de nivelado de produción, etc.

O igual que no exemplo posto, hai dous punto opostos para que a xente cumpra os estándares e o proxecto Lean avance. Dependendo da cultura e dinámica de equipo no que te atopes, tirarás máis para un lado que para outro.

  • Método Formativo, inclusivo que busca o desenvolvemento persoal de cada persoa do equipo. Con reunións diarias onde se comentan os estándares e como se poden mellorar. Método xaponés do noso exemplo, as persoas están comprometidas cos estándares e coa pequena mellora diaria porque se xenerou ese tipo de cultura empresarial. Leva tempo, é frustrante o principio pero con insistencia, consegues avanzar se toda a dirección está alienada. Non se trata de “boísimo” senón de compromiso co crecemento persoal do equipo a través dos estándares e da mellora continua dos mesmos. Non hai moitas empresas que apliquen este método, sexa porque os seus líderes non son moi propensos a formar e sentir especial predilección polo desenvolvemento das persoas do seu equipo ou porque a cultura na que está inmersa a empresa fai que a maioría da xente non queira cambios e se sinta mellor no status actual coa súa mini cota de poder (si, un dos efectos da estandarización é que acaba con todos os nichos de coñecemento e min cotas de poder).
  • Método Coercitivo. Escríbanse os estándares e quen nos os cumpra está despedido, método alemán do noso exemplo e tamén necesita que toda a dirección este alineada con este método. É un método moi desagradable por moitos motivos, primeiro porque os estándares hai que evolucionalos continuamente e a xente cando ve que caen cabezas o seu arredor perden as ganas de opinar. Mais este método encontrou a solución a o “problema participativo” de usar como mecanismo emocional o medo. Se no participas e aportas ideas tamén estas despedido e aplícase en empresas que se encargan de que todo o mundo o saiba.

Funciona? Pasa como no noso exemplo das estradas, en ambos casos o efecto é o mesmo, empresas que cumpran os estándares e evolucionalos continuamente, crecendo e arrasando a competencia… pero no é o mesmo.

En todo caso, voltamos a cultura empresarial a que te enfrontes para elixir un método u outro, normalmente algo a medio camiño, sempre hai xente desexando cambiar as cousas e xente que non vas lograr de ningún xeito integrar na cultura de estandarización e mellora continua. Se necesitas asesoramento, sen custe, neste ámbito, só tes que cubrir o formulario do Igape Responde.

Categorías: Artigos.