As empresas están obrigadas desde o 13 de marzo a crear unha canle de denuncias anónima.
Os países membros da Unión Europea están obrigados a implementar unha estrutura interna de comunicación que permita aos traballadores denunciar calquera infracción ou irregularidade que se produza na súa contorna laboral.
Esta obrigación derívase da Directiva (UE) 2019/1937, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, que é a que establece a necesidade de dispoñer dunha canle de denuncias para garantir a seguridade e boas prácticas laborais.
Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, traspón en España dita Directiva europea.
Que é unha canle de denuncias?
Son estruturas internas de comunicación das entidades privadas e públicas cuxo obxectivo é proporcionar unha vía para a información dunha infracción ou irregularidade nun contexto laboral. No marco da lei 2/2023 denomínaselle Sistema interno de información.
No sector privado, quen ten a obriga de implementar unha canle de denuncias?
Todas as empresas de 50 ou máis persoas traballadoras están obrigadas a contar cun Sistema interno de información. Tamén os partidos políticos, sindicatos, patronais e fundacións.
E as Administracións públicas, deben implantar unha canle de denuncias?
Todas as entidades que conforman o sector público tamén están obrigadas a contar cunha canle interna de información (incluídos todos aqueles organismos e entidades públicas vinculadas ou dependentes dalgunha administración pública). En función do seu tamaño ou do número de empregados poderán compartir medios e recursos.
Desde cando é obrigatorio implementar unha canle de denuncias?
A obrigatoriedade comeza coa propia entrada en vigor da norma e a partir dese momento empezan a correr os prazos para a súa implantación efectiva.
Que prazo hai para implementar a canle de denuncias?
Pódense diferenciar dous prazos:
• Aos 3 meses da entrada en vigor da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, todas as empresas de 250 traballadores ou máis e as entidades do sector público (excepto os municipios de menos de 10.000 habitantes) deberán ter implantado a súa canle interna de información. É dicir, antes do 13 de xuño de 2023.
• O 1 de decembro de 2023 é a data límite para que as empresas de 50 a 249 traballadores e os municipios de menos de 10.000 habitantes teñan implantado un Sistema interno de información.
Hai sancións por non implementar unha canle de denuncias?
As sancións económicas están establecidas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, no seu TÍTULO IX: Réxime sancionador, artigos 60 a 68, e van desde os 1.001 € ata un millón de euros. Tamén a normativa impón sancións que consisten na prohibición de acceder a subvencións públicas ou acceder á contratación pública.
Que requisitos debe cumprir unha canle de denuncias?
Son varios, entre eles, destacamos:
– Que sexa accesible e cunhas instrucións claras de uso.
– Debe garantir a confidencialidade dos denunciantes e os denunciados.
– Debe permitir a interposición de comunicacións anónimas.
– As comunicacións poderán presentarse por escrito ou de maneira verbal (caixa de correos de voz), ou por ambos os medios.
– Débese enviar un acuse de recibo no prazo máximo de 7 días desde a comunicación.
– O sistema de xestión das comunicacións debe ser independente e diferenciado doutras canles da entidade, e debe permitir unha xestión dilixente da información en relación cos prazos, comunicacións, seguimentos… establecidos na Lei.
– Debe garantirse o cumprimento da normativa en materia de Protección de Datos.
– Debe ser negociado coa representación legal das persoas traballadoras (RLT): A creación e implementación do Sistema interno de información debe facerse previa consulta coa RLT.
Explicamos máis detalles no evento virtual do MÉRCORES, 26 de abril, ás 13 horas.